27/3/07

GOMORRA

As mapoulas aderezan o teu cabelo mentres están a derrubar as murallas de Xericó. Saboreo os teus beizos -bico a bico, trabada a trabada- namentres Abel cae morto por Caín.
Mais a túa pel, miña xoia, concentra agora a miña atención. Percórrote coma peregrino debecente, santificando pecados e procurando refuxios para a miña torpe lingua.
Afora, cae o diluvio e non retorna a pomba de Noe. Aquí dentro, sobreviviremos da carne e das salivas ata que o anxo terrible visite o noso fogar en Gomorra.

PENSA EN MIN

Think of me as one you never figured.
(Neil Young, "Powderfinger")
.
Pensa en min como alguén que nunca imaxinaches. Unha sombra perdida na multitude na que nunca repararás. Unha cacharela prendida baixo o sol. A saudade da margarida na noite estrelada. Unha luva para un mar que non devala. A espiña do toxo. A espuma do mar. O vento do trebón. O recuncho silandeiro desde onde David admira a Betsabé.
Pensa en min como alguén que nunca imaxinaches, alquén que nunca coñecerás: rodeada de orquestras non repararás no escuro merlo. Invéntame un rostro, imaxíname unha vida, tenta pensar en como sería collerme pola man. Non acertarás.
A bandeira branca arde no seu mastro: a guerra estoupa na pradeira e nos altos cumios e no terrible deserto. Todo virará patas arriba e nada voltará a ser o que foi. Seguiremos sos. Probablemente nunca virás na miña procura, nin tan sequera entón.
Mais se o fas, se pretendes atoparme, pensa en min como alguén que nunca imaxinaches.