10/11/07

SÓ E SEN AZUCRE

¿Qué vai ser?
Café.
¿Só?
Só. Sen azucre.
O local está aínda medio baleiro. É cedo, moi cedo. A xeada da noite aínda branquea os tellados e os cristais dos coches na rúa. Pousas na cadeira o abrigo e as luvas. Miras no reloxo: case as cinco e media. O home pon o teu café na mesa.
Vai coller o tren das seis e cuarto, ¿non si?
Vou.
Ata dez minutos antes de sair non lle vai chegar. Antes paraba máis aquí.
Si, antes.
¿Vai querer algunha cousiña máis?
Non, grazas. Polo momento có café abonda.
O home volta ao xornal no mostrador. Daslle un groliño ao café e abres o bolso para comprobar que tes contigo o bilete. Está aí. Deixas o bolso enriba da maleta. Ficas un intre mirando para ela. Seméllate curioso que nela caiba todo o que levas, tendo en conta que non deixas nada atrás. Nada agás cousas que xa nada importan; alomenos xa nada che importan a ti. Polo de agora fican lembranzas, pero agardas que se diluan coma esa xeada de afora cando chege o mediodía. ¿Cando chegará o teu mediodía?
¿Ten bocadillos?
O home mira para ti mentres pon outra copa de coñac a un parroquiano.
¿Bocadillos?
Si, bocadillos.
Non pero podo facerlle un se quere.
Quero. ¿Pode ser de xamón?
Pode. Deseguida llo teño listo.
Entrouche a fame, coma sempre. Cando saíches de casa non eras quen de botar nin unha migalla á boca. Demasiadas cousas ficaban entre aquelas paredes, cousas escuras que ás que xa nin queres poñer nome. Tan só querías sair dalí. Canto antes, como fose. Onte compraches o bilete, pero non sabías se o usarías. Hoxe xa non dubidas, ¿verdade? Agora xa estás aquí, na cantina da estación, devecendo por que os minutos pasen, por que ese tren chegue, por subir a el e marchar para sempre. Un derradeiro groliño de café. Sentouche ben: xa nin as mans están frias. ¿E esas uñas? En canto remate a viaxe terás que as arranxar un pouco. Mesmo pintalas. Xa non lembras nin a última vez que pintaches as uñas. ¿Fora pola voda do Tucho? Si, foi daquela, e xa choveu desde entón, ¿non si? Ergues a mirada un pouco e cazas a un dos homes da barra ollando cara ti de esguello. ¿Qué pensarán? Seguro que nada. Tan só unha muller: razón de máis para que un home mire. Os homes sonche así, ben o sabes ti.
Aquí ten, un bocadillo de xamón.
Grazas.
¿Póñolle outro café?
Si, por favor.
¿Igual? ¿Só?
Si, só e sen azucre.
Mirás unha vez máis o reloxo: case as seis menos cuarto. Cómo se arrastra o tempo cando queremos que voe. Non anda igual cando un disfruta de algo. Nesas ocasións en que un querería deter o tempo e ficar así para sempre. ¿Cando foi a derradeira vez que te sentiches así? Eso xa custa máis de lembrar. Pero houbo intres así, malia que agora fiquen lonxe. Podes lembrar un río arrodeado de salgueiros, o balbordo da festa ao lonxe, a calor daquel serán petando por entre as sombras, rebotando nas veloces augas. E tamén podes lembralo a el.
O seu café.
Grazas. Dígame qué lle debo.
Diche o prezo e procuras no moedeiro para lle pagar. Pola ventá de enfronte xa se ve o primeiro chisquiño de luz de día. Xa falta menos para que chegue o tren. Deixarás atrás todo, tamén esta cantina, e montarás nel. De seguro que unha vez dentro, cando xa se poña en marcha, desaparecerá esa laxe fría e pesada que tira do teu peito. Durmirás co solciño na cara, arrolada polo traqueteo do tren. E espertarás xa noutro lugar. E todo, ou case todo, ficará aquí, ben atrás. Rematas o bocadillo e saboreas o café. É de pota, e sabe ben malia que probablemente recalentouno de onte. Terás que ir ao baño antes de subires ao tren.
Perdoe, ¿o baño…?
O home ergue un chisquiño a vista do xornal e sinala unha porta ao fondo.
No fondo do corredor, a porta da dereita.
Grazas. ¿Impórtalle se deixo a miña maleta aí?
Perda coidado, tereille conta dela.
Cruzas a cantina sentido a mirada da media ducia de homes que baixan cafés con licor denantes de comezar a xornada. No baño a luz semella amarela. O teu rostro no espello ten peor aspecto por culpa desa luz enferma. Hai cansazo debuxado baixo os teus ollos. ¿Cómo non ía haber? Esta noite non durmiches nin un chisquiño, devecendo pola hora de marchar, como deveces agora polo cobizado tren. Sacas do bolso o peite e arranxas un chisquiño o pelo. Tanto ten: despois durmirás no tren e alá irá todo o peiteado. Si, durmirás no tren. Miras á estraña do espello e pensas en qué diría el. Nada. Non diría nada. Ou si. Pero xa non importa. ¿Ou si importa? Non, xa non importa. Xa non voltará a importar.
Rematas no baño e voltas á cantina. Agradéceslle ao home ter tido conta da maleta, que arrastras cara afora. E así, cando son case as seis e cinco, saes á fría mañá camiñando polo andén. Asómaste e tentas enxergar o tren no horizonte, entre os sabugueiros que hai aló no fondo. Abafas no frío aire da mañá e abrochas ben o abrigo. A brétema vai retrocedendo. E mentres agardas por ese tren que tería que estar xa a piques de chegar, durante un intre que marcha coma un lóstrego, todo en derredor de ti aseméllaseche inzado dun misterioso aire de despedida. Tentas un torpe sorriso mentras miras doutra volta o reloxo. Non chegas a ler a hora porque soa, coma o alarido dun animal ferido, o fero asubío do tren, que xa asoma tras dos sabugueiros.