21/10/07

EXSILIUM REGINAE

dixécheslle a ela
que a flor seguía viva
mentira
mentira
a flor xa morrera
no trono sen raíña

LOBOS

A nena non ten nada en especial: os medos nocturnos son normais nestas edades. Con estas verbas tranquilizadoras Marta e Román voltaron a casa con Silvia. Silvia ten cáseque catro anos e non durme polas noites. Marta e Román non saben xa que facer. Tentaron deixala durmir coa luz acesa e tentaron deixala durmir traendo a súa camiña na habitación dos pais. O primeiro resultou inútil, o segundo practicamente tamén: xa non choraba e berraba, pero o medo seguía sen lle deixar durmir. A peor solución de todas sería que a nena volte a durmir con vostedes; non ten sentido que deamos un paso atrás no eido de afacela a asumir que ten unha habitación propia. Compre recalcar este tipo de disciplinas. Tamén dixo eso o médico; o que non lles dixo foi cómo facela durmir, cómo sacarlle aquel pánico que a invadía cando se achegaba a noite.
¿Ves? Así metidiña na cama nada che vai pasar; e papá vai ficar aquí mesmiño, ¿vale? Non vou deixar que veñan os lobos. Desde hai tres días Silvia identifica o obxecto dos seus medos: hai lobos na súa habitación: todas as noites aparecen os lobos. Polo día pasa as horas entre os xoguetes que desparrama polo chan. Tan só un xoguete fica esquecido no fondo do caixón: unha moneca de trapo con dous botóns por ollos e un zurzido por sorriso. ¿Non xogas con Mariana? Ninguén lembraba de onde viñera tal nome para esa moneca de trapo. Tampouco cando chegara a casa. Non, con Mariana non. ¿E logo? Mariana é mala.
Cando o día ía rematando, mentres Román ou Marta recollían todo o arsenal de xoguetes para o baul, Silvia ía entón directa para Mariana. ¿Agora sí? ¿Non era mala Mariana? Sí. Mariana é mala, e non a quero, é moi mala. Pero ela pode cos lobos. ¿Pode cos lobos? Non se achegan a ela. Seguen alí, non marchan, oubean e amosan os dentes, pero non se achegan a ela.
Cada noite a cativa, con Mariana pendurando da súa maniña, insístelle aos pais para durmir con eles, tentaba retrasar o intre de ir ao seu cuarto, prégaballes que quedaran con ela. Esa tampouco é boa idea, a súa filla ten que enfrontar eses temores nocturnos ela mesma.
Así e todo, esta noite Marta ficará coa súa filla. Para tentar tranquilizala. Para convencela de que non hai lobos. Senta no chan, a carón da camiña, na posición do loto e tenta entretela cun conto, pero Silvia non escoita á súa nai; tan só treme de medo e aférrase a Mariana. Marta durmirase mesmo antes que a súa filla.
Esa noite Marta espertará e os medos de Silvia contaxiaránselle coma un andazo sen nome. O cuarto da nena a escuras, nin tan só un chisquiño de luz pero Marta pode sentir os olliños acesos de Silvia, que segue a tremer de medo, salaiando moi baixiño. E algo máis. Hai algo máis no cuarto. Non, se o final vas resultar ti máis medoñenta que a cativa. Dígoche que si, home, que alí había algo. Soñáchelo, Marta, non me amoles con teimas desas. Soño, ou pesadelo, ou tolemia. Pero Marta sabe que alí hai algo na escuridade. Algo malo. Algo alerta. Algo que oprime no seu peito, que pesa coma unha lousa enriba dela. Non se ve nada, mais está alí. E Silvia chora baixiño. E aquelo que se sinte e non se ve, que axexa nas tebras móvese. Mesmo podería xurar que acoruxaba, case abafando. Marta, polo amor de Deus, que xa es grandiña... non me veñas con contos de vellas. ¿Paréceche a ti que teño gañas de contar contos? ¿Téñote aspecto de andar con lerias? Un pesadelo, Martiña, foi un pesadelo. Non, Román, non; aínda non estou tan tola como para non saber se estou esperta ou soñando. Se che digo que alí había algo e que había algo, ¡hostia! ¿Algo? ¿Qué? Non sei, non sei.
Algo que se move, en derredor da camiña da nena, en derredor do cuarto. Marta tenta moverse pero algo segue a pesar enriba dela. Un pequeno esforzo e pode mover un brazo, apoiarse no chan e tentar erguerse. Entón sinte aquelo, o que sexa que se move no cuarto, xusto a carón dela. Ten pelo. Ou algo que Marta sinte coma o pelo dun animal no seu brazo espido. Un salaio morre nos seus beizos. Silvia chora baixiño. E entón Marta repara en que pode ver a Mariana. Ergueita na man de Silvia. ¿Pero se todo estaba a escuras cómo diaños podías ver a moneca? Non sei, pero era o único que se podía ver nas tebras do cuarto. Enrabichada, anoxada, unha faciana terrible. O sorriso cosido xa non semellaba un sorriso. Os dous botóns miraban fixo a aquelo que se movía. Mesmo diríase que o seguían coa mirada. Marta, ¿estaste a escoitar? ¿unha moneca de trapo que segue coa mirada algo nun cuarto a escuras? ¿Qué queres que che diga? Foi así, ri de min canto queiras; foi así. Sei o que vin.
Outra tentativa de erguerse. Outra vez aquelo que pasa ao seu carón, abafante, cheo de pelo, cheo de maldade. Marta apenas pode respirar do medo. Axeonllada, sen ser quen de dar un só paso, sen voz coa que berrar por Román, o seu corazón galopa tolo no seu peito. O rostro de Mariana semella o dun demo de trapo. Silvia escomenza un pranto moi quedo, moi quedo, sorbendo moquiños, saloucando entre bágoas. Ti non sabes o que sentín alí, ti non sabes o que vin alí. Tin non sentiches chorar a Silvia sen ser quen de achegarse a ela.
E, con todo, dalgún xeito o instinto materno sobrepoñeráse ao medo. Marta achégase cáseque dun brinco á camiña de Silvia. Entón todo acontece moi rápido. Marta tan só sabe que sairá correndo do cuarto con Silvia no seu colo. Pouco máis. Pero houbo máis. Aquelo que se movía no cuarto tamén reacciona fronte a Marta. E Mariana fronte a aquelo. Houbo un ouvido, ou un bufido, ou algo, e un chillido tamén. Marta nunca poderá asegurar se berrou ela ou Silvia. Ou Mariana. E un cheiro a bravío. E un topetazo contra dela. E Mariana acendida e terrible, cunha sorte de luz de seu. E algo que só verá Marta ao día seguinte tras sair da ducha: marcas de poutas, ou coitelas, ou sabe Deus qué, nas súas costas. Catro marcas paralelas a piques de facerlle sangue. Non está segura de sentir nada cando saiu correndo do cuarto. Non está segura de nada. Faríaste eso en calquer sitio, qué sei eu, caerías en algo ou rozarías con algo. ¡Veña Román! Non hai nada no cuarto da pequena no que facerse estas marcas. Pois ti me dirás logo. ¿Ou vas a dicirme que un lobo dos que fala Silvia rabuñoute? Mira Román, non vou discutir máis o que pasou esta noite. Só che volvo a dicir que non vamos a seguir aquí nin un día máis, ¿estamos? ¡Nin un só día máis!
Ao día seguinte será a mudanza. Por sorte segue baleiro o piso da praia dos pais de Silvia. Comezarán a procura dun novo piso, tras levar os datos do que deixan á inmobiliaria. Venderase ben, non vos preocupedes. É un bo piso, amplo, ben iluminado. ¿Cómo é que o deixades? Marta non se afai nel, non sei, manías de mulleres, xa sabes. En fin, tanto ten: en dous meses teredes un comprador. Perfecto, graciñas Manuel. De nada, home, chámovos en canto teña algo.
E alá quedará o piso. Nin Marta nin Román voltarán por alí. Todas as cousas viaxarán có camión de mudanzas á casa da praia. É máis pequena, así que Silvia durmirá no único cuarto cós seus pais. Acabarán os medos. Acabarán os choros para ir a durmir. Silvia medrará e esquecerá pronto aquel cuarto, aquel medo nas noites. Tamén esquecerá a Mariana. A moneca de trapo será o único que ficará no vello piso. Nunca saberán qué foi dela nos tres meses e pico que pasarán ata venderse o piso. Ninguén estará alí para contarlles da terrible guerra que seguirá, todas as noites, entre Mariana e os lobos. Nin tampouco de cómo rematará. Os compradores tan só saberán dunha vella moneca de trapo esquecida no cuarto do fondo, tirada no chan e raxada de arriba a abaixo: coma se lle pasasen a pouta dun can.