18/8/07

TARBERT, HARRIS ISLAND, ESCOCIA (12-8-2007)

Brúa o vento tras das fiestras do Rockview Hostel e unha incesante e inmisericorde choiva cae sobre Tarbert. Afora, rúas silandeiras e desertas nun típico domingo nas Hébridas. Todo está pechado nesta vila, agás o Harris Hotel -onde fumos quen de almorzar pola mañá e tentaremos cear esta noite- e este pequeno "hostel" (albergue), onde un fato de vagabundos compartimos cociña, salón e dormitorio.
Hoxe, camiñar polas rúas desta vila mariñeira ten un aquel espectral; nin unha persoa polas rúas, nin un coche pola estrada. Onte sábado houbo unha pequena feira local onde poder saborear toda unha constelación de galletas e postres caseiros escoceses, para acompañar así unha boa cunca de té ou café. Tamén artesanía local, có inevitable e fermosísimo tweed que fan nesta illa de Harris. Faltaron os exemplares de gando da comarca, por mor das restriccións de movementos de gando tras os brotes de febre en Inglaterra, e perdemos así a posibilidade de ver exemplares desas vacas de pelo longo tan características destas terras. Non faltaron, por suposto que non, os gaiteiros engalanados con kilt para encher de música o campo da feira, respondendo as peticións dos parroquianos. Rematou o serán cunha animada rifa e subasta de productos das hortas.
Hoxe, pola contra, o silencio é total en Tarbert. O vento corre ceibe e salvaxe dunha beiramar á outra -o nome gaélico, Tairbeirt, significa istmo, que é o que esta vila ven sendo entre North e South Harris-, sen que nada máis lle faga competencia. Unha cidade pantasma onde mesmo as luces das casas fican apagadas, ou as contras das ventás ben pechadas, e onde os xornais do domingo non se poden mercar ata o día seguinte.
Para a xente das Hébridas exteriores o calvinismo radical da kirk (igrexa escocesa) é xa bastante máis que unha crenza: convertiuse en toda unha seña de identidade para unha comunidade onde calquera novidade recíbese, no mellor dos casos, cun escéptico erguido de cexa. Por iso o domingo, ou sabbath como eles o chaman, supón un absoluto detimento da vida: a xente fica nas casas e medita, durme, lé ou, sinxelamente, pasa o día en familia.
Aquí no Rockview Hostel, os viaxeiros que nos temos reunido aquí lemos, escribimos, estudamos mapas e durmitamos. Pronto empezan a repartirse cuncas de te e as conversacións anímanse.
Afora, só o vento e a choiva rompen un pocuo có silencio so sabbath.