2/11/07

OITO LEMBRANZAS FINXIDAS

Aquel adeus naquel aeroporto, onde ficaches silandeiro dubidando se habería algún futuro posible sen ela. Houboo. Tamén o había con ela, mais ese non será teu -nin dela- nunca. O teu presente pertenze a ese futuro que non crías posible entón, naquel aeroporto tras daquel adeus.

Os versos de Dylan Thomas naquela cafetería. Afora chovía, diluviaba por veces. O café enfriou esquecido mentres voltabas as follas, mentres repetías en voz baixa rage against the dying of the light, mentres te preguntabas cómo non souberas antes que alguén xa dixera todo aquelo.

Aquel home naquel parque. Eras apenas un cativo, chegabas tarde a casa, apuraches o camiño por aquel parque prohibido. Saiu de ningures, ou tal vez sinxelamente non o sentiches chegar. Preguntouche algo, nunca soubeches qué, porque non atendiches ao que dicía, nin aos seus acenos. O teu pánico mantiña os teus ollos na súa boca. Ninguén te crerá pero sabes ben que os viches alí: dous cairos afiados, dous cairos de animal.

Aquela noite con aquela descoñecida. Odias recoñecer que non lembras o seu nome, nin a cor dos seus ollos, tan só a calor dos seus peitos. E tamén como tremeu entre os teus brazos, como xemeu cando os teus beizos procuraron aquel bebedoiro salgado, como tirou por ti naquela cama na que faltaba o seu marido. Nunca voltou a aquel bar. Nunca soubeches máis dela.

A luz daquel sol de medianoite naquela cabana, ás aforas de Nordkapp (Noruega). Sentácheste durante horas cunha cunca de rooibos ollando cara ao ceo. Unha noite vestida de eterno solpor, de cores que nin tan siquera tiñas imaxinado. Desde un azul escuro coma un pecado secreto ata un afiado laranxa con ínfulas de vermello. Tamén o océano semellaba transfigurado. As horas souberon a segundos.

O sabor daquel naan nas rúas de Bikaner. Deixaras que os teus pes te perderan polo mercado do centro, preto do castelo inglés. O deserto soplaba calor na vila, e a humidade do monzón non daba descargado. O aire afogábate. Sentaches nun recuncho preto dun home que facía naan nunha prancha metálica. Pediches un par deles e saboreáchelos mentres abrías o libro de Mircea Eliade. Dicía que poucos lugares na India lle namoraran como aquela vila no deserto rajhastaní. Non fuches quen de saber por qué. Pero pagou a pena de percorrela. E aquel humilde naan soubo a gloria.

A primeira vez que escoitaches unha doina. Non tiñas escoitado antes ese xénero de canción romanesa. Era Cluj, era inverno e aquel café estaba ateigado. Xurdiran dous días libres naquelas negociacións en Bucarest, e Bucarest non era lugar para malgastalos. Aquela voz de muller alambicaba penas fondas, angurias escuras, pura saudade. Non lembras o nome daquela muller, unha artista local que mesmo vivía nunha aldea preto dalí. Saboreaches un bó vaso de leite quente con mel e canela mentres a doina subía e baixaba, danzando no aire, falandolle a todo o público desa dor metafísica e misteriosa.

O sabor do pan recén saido do forno da casa, cando a túa aboa repartía aquel primeiro anaquiño entre ti e os teus primos. ¿A qué sabía? Sabía a infancia, sabía a centeo, sabía a ledicia. Xa nada sabe así. Ou se cadra si, e sinxelamente xa non eres aquel neno e xa nada voltará a saber como entón. Tampouco os pans de centeo.


Con esto dou cumprimento á invitación-desafío, ou que fose, de Silvana. Esta é a miña versión do meme das oito cousas.

7 comentarios:

milonga dijo...

lendo como descrebes ti as cousas parece que o vivido(por min neste caso) sexa tan baleiro, ou que non o exprimise como debía, ou que a miña sensibilidade sexa esquiva, poque non é que non quera saber dela, creo que máis ben, nalgún intre, decidiu abandoarme...

que envexa!!!

reclamo un cursiño (aínda que sexa destes acelerados)

Silvana dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
vermella dijo...

Si un meme é isto,unha decripción tan apaixonada poi cambio de idea e gústanme.
Saúdos e parabéns polo ben que escribes

Silvana dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Mr Tichborne dijo...

Que envexa, eu quixera ter esas lembranzas, ou polo menos inventalas! Noraboa, precioso texto.
Nota: As reglas da Federación Internacional de Memes Absurdos din que neste xogo ten que convidar a oito blogs. Quédanlle sete.
(comigo non conte, xa o fixen)

O Raposo dijo...

Gostei do texto.
Nalgún poema eu tamén escribín do ulido a pan quente saíndo do forno. E un dos recendos da miña infancia, alá na aldea. Nun vello forno a miña abóa facía pan, empanadas de carne e unha rosca que non che quero nin contar...

Silvana dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.