5/2/07

CARMIÑA

Dame noxo a vida,
vou dar ao vento o meu laio,
hei falar con corazón amargo.
Heille rogar a Deus: ¡Non me condenes!
¡Faime saber cal é a túa causa contra min!
(Xob 10,1-2)

Do not go gentle into that good night
Rage, rage against the dying of the light
(DYLAN THOMAS)


Ás veces chove coma se estivesen a aspirar a mar e botala por enriba da vila. Coma esta tarde. As mestas nubes, negras coma a feluxe, e as tépedas cortinaxes de auga que caen delas acentúan o solpor: semella noite pecha e aínda non son as sete.
Carmiña está soa no pequeno comedor de enriba, sentada ao carón da galería. Contra os cristais petan as labazadas da chuvia e bufa bravo o vento, colándose un pouco polas vellas fiestras de madeira. Por iso abánanse un chisquiño as prantas que a mamá ten, apretuxadiñas e mimadas, no espacio do comedor que queda entre os tres ventanais que forman a galería. Cando a Carmiña era máis cativa e comezaba a agatuñar, gustaba de se meter naquela pequena selva feita á súa escala. Ó papá facíalle risa vela azorarse e pelexar coma unha cadeliña naquel recuncho. Pero sempre chegaba a mamá para dar remate aos xogos, con dous berros de aqueles que deixaban á pequena Carmiña cos seus ollos grises ben abertos, coma dúas estreliñas de zinc.
Na outra beira do comedor, encaramado no alto dun chineiro de carballo de dubidosa cor entre marrón e negra, está o televisor, prendido pero cun volume moi baixo, notablemente insuficiente para facer fronte aos feros bruídos do vento e o diluvio contra os cristais. De xeito que os debuxos animados dos Picapedra corren, falan e bracean nun silencio que lles dá certos aires de bufón ridículo e ignorado.
Os pés da Carmiña colgan da silla e abalan no aire a poucos centímetros do chan, cáseque rozándoo, mentres ela tenta cortar cos seus dentes uns pelexiños de xunto das uñas, cos ollos -as estreliñas de zinc- fixos cotra un dos cristais das fiestras da galería, no que se reflexan, algo borrosos e desanxeados, os mudos pero incansables Picapedra. Unha bágoa asoma nos seus ollos e Carmiña deixa os pelexos das súas uñas e lanza coma foguetes o revés dos seus puñiños contra as humidades intolerables; e frota e refrota nas estreliñas de zinc. Logo, volta a roer nas súas uñas e fitar cara á fiestra.
Non hai nin tres horas que oíra a Xesús "O Louro" e o sarxento García contarlle á mamá que xa atoparan o corpo do papá. Foi nas rochas que quedan alá ben pasada a praia de escuras e finas areas que chaman A Muxica. Preto de alí as olas guindaran ó barco, o Bruxiña II, contra os afiados acantilados da Punta Fibela, baixo as tesas cruces de pedra que asoman na altura coma roladas de sombrías gaivotas: cruces por outros mariñeiros mortos.
A mamá chorou toda a noite. Carmiña oiuna saloucar e imbar terribles chiídos contra a amofada. Pola mañá, os seus ollos cargados de sangue e afundidos nun rostro que murchara coma se tivesen pasado cen anos por el, asustaron á Carmiña. Nunca vira así á mamá. Non lle falou e Carmiña non foi quen de preguntar polo papá, de decirlle á mamá que rezou por el, aínda que todo o mundo na vila agardáballe á mesma sorte que os outros compañeiros do barco. Eles quedaran xa nos baixos da Punta Fibela, esmagados coma os gatos que ás veces morrían na estrada nova.
Mentres lle migaba o centeo no leite para o almorzo de ela, á mamá escomenzaron a lle rodar tres bágoas. Pasouse a manga da chaqueta pola faciana cun xesto lento e trémulo, e sorbeu sonoramente polo nariz. Entón, Carmiña rompeu a chorar: primeiro cáseque en silencio, con bágoas ben menudiñas caéndolle pola cariña -desde as estreliñas de zinc-, e logo con saloucos que estouparon nun pranto inxénuo e dorido, con impos e con beizos torcidiños. Coma somentes unha meniña de sete anos pode chorar.
A mamá apertouna canda si e faloulle docemente, expricándolle que aínda non sabían se o papá morrera e que seguro que non fora tal, que tiña que rezares para que o neno Xesús o axudara a voltar sen un rabuñazo, e que non había ser nada, e que non chorara. E Carmiña enterrou a súa cabeciña contra o delantal da mamá, que aloumiñou a súa melena trigueira con mans frías que tentaba firmeza.
Pero non hai nin tres horas que chegaron Xesús o "Louro" e o sarxento García a traerlle as terribles novas á mamá. Carmiña estaba no cuarto de baño da carón da cociña. O Louro cáseque non fora quen de falar e a piques estivera, o mariñeiro máis grande e de peor xenreira da vila, de botarse a chorar diante da mamá. O sarxento tivo máis sangue frío e rematou de dar as novas onde os primeiros impos cortaran ó Xesús. E Carmiña sentiu que caía. Que caía sen se mover de onde estaba, enfronte ó espello, subida nun banqueto e co cepillo de dentes nas mans. Sentiuse soa e sentiuse fría, e quixo chorar e quixo berrar. Pero non puido: seguía a caer, cada vez máis fondo. O branco dos azulexos das paredes e do cal do teito aloumiñárona ata ós osos. Logo, o espello apagouse -ou os seus ollos pecháronse, non sabía- e non reaccionou ata que deixou de caer e deu no fondo. Entón, co cepillo dos dentes aínda na man, baixou do banqueto , sentou nel e chorou silandeiramente pestenexando entre as bágoas cos ollos ben abertos.
Tenta agora, con eses mesmos olliños cravados nas fiestras da galería, desde o fondo do pozo do que non pode, ou non sabe, ou non quere sair, de lembrar ó papá. Non é quen de facelo con claridade, agás naquelas camiñatas de domingo nas que as levaba, á Carmiña e á mamá, ata o cumio da Punta Fibela, onde merendaban e xogaban naquela vizosa pradeira que a coroaba, zurzida de toxos e silvas polas beiras.
Pode lembrar unha faciana ancha de pómulos ben marcados, uns beizos delgados e uns ollos escuros e pequenos. Pode lembrar tamén os seus cabelos castaños, algo longos e sempre despeitados, voando co vento mentres corría tras dela xogando, cun sol de verán arrincando un verde máis verde da herba e gotiñas de suor da súa pequena fronte; suor que o papá secáballe con aqueles panos tan grandes e ásperos que ulían a mar.

Pero pouco máis. En realidade, máis que imaxes, á Carmiña véñenlle á alma cheiros asociados ó papá. As sardiñas a se fritir naquelas tardes de sábado. O after-shave que el, moitas veces que paraba na casa, deixábase botar das súas manciñas tras se barbear. As flores -cáseque sempre camelias- que lle traía á mamá sempre que voltaba do mar, e que ela uliscaba subidiña a unha silla, engaiolada polo fresco arrecendo. O salitre que se podía, se non ulir, alomenos presentir por embaixo de colonias, after-shave e desodorante, atado con vencellos irrevocables ó seu propio cheiro. O augardente para ó café e as queimadas, augardente que tantas veces el estampáballe cun dedo no seu nariciño, e que ela recollía ca súa manciña, ulía e lamía curiosa. ¡Qué lonxe semellan todos aqueles cheiros, aínda que agora síntaos todos ó mesmo tempo!
Nas fiestras a chuvia semella ir diminuindo pouco a pouco, mais non así o vento, que segue a ruxir e bruar coma un animal doente. Carmiña baixa dun pequeno brinco da silla e, salvando as prantas da mamá, achégase ata os cristais da e pousa neles as súas manciñas. Frío: semellan poder cortarlle a pel e facerlle sangue. Do outro lado, milleiros de pingas de tódolos tamaños tremen e escorregan coma pequenos bichiños a xogaren coas luces que encomezan a se prender na vila. Carmiña pega a súa cariña ós cristais: primeiro unha meixela e logo, rodando polo nariciño e os beizos, a outra. ¡Qué fríos están! Aínda máis co pozo no que ela segue a se sentir prisioneira. Todo é frío. E silencio: silencio devorado por un vento que abanea antenas nos tellados e fai tremer un pouco os fríos cristais contra a súa cariña e mans.
De súpeto, como se un lóstrego intuitivo cruzara de beira a beira a súa alma, Carmiña sepárase dos cristais, recúa uns pasos e, tras uns segundos de certa indecisión, bota a correr cara á porta e, desde ela, corredor arriba ata a súa habitación. A toda presa, abre a porta do armario e agatuña como pode ata coller o seu chubasqueiro. Tira de el e pono.
Xa está na rúa. Baixou coma unha centella as escaleiras e cruzou toda a parte de embaixo da casa sen atopar a ninguén. Estaban todos na cociña, ca mamá, e ó cruzares diante da porta puido sentir nun intre fugacísimo conversacións en voz baixa, saloucos de mulleres e un forte cheiro a café.
Na rúa, o vento peta forte contra ela facéndolle voar os faldóns do chubasqueiro e turrando da capucha, que a duras penas Carmiña pode suxeitar enriba da súa cabeciña, mentres corre e corre. Por rúas silandeiras e mal alumeadas, cunha chuvia que volta a aumentar facendo perigosamente esvarantes os lastros do chan, Carmiña, beizos apretados e ollos coma lostregantes estrelas de zinc, corre con toda a presa da que son quen as súas perniñas.
Non tropeza con ninguén tampouco nas rúas ou, alomenos, ela non ven a ninguén; e ninguén a ve a ela, tan pequechiña e veloz. Non tarda demasiado en deixares atrás a pequena vila e colle polo camiño vello dos bidueiros, que arrinca desde a estrada, xunto da casa dos Pereira. Os zapatiños estánselles a mollar e ensuciar de lama. Apenas queda un fío de luz nun ceo negro e terrible, desde o que segue a caer a mesta e incansable chuvia.
As altas e afiadas árbores danzan e asubían ameazantes pero Carmiña tampouco as ve, mentres segue correndo e correndo, mancándose cos toxos, tropezando nos fentos e toupeiras e esganifando as beiras do chubasqueiro contra as afiadas silveiras; escadando con pasiños de formiga intrépida os derradeiros metros que lle restan de camiño de bosque antes de sair á pradeira que coroa a Punta Fibela.
E cando sae a ela a escuridade é cáseque total e a herba semella vestida de loito. Carmiña sinte os seus pés empaparense entre esta herba -alta, húmida e fría- que baila tola o son do aturuxante vento, coma unha sorte de estixia lagoa vexetal.
A capucha do chubasqueiro sáelle da súa cabeciña e os seus loiriños cabelos voan como se tamén quixesen saírselle e marcharen a bailar coa herba, coas árbores e coa noite. Carmiña, loitando co vento e coa abafante chuvia, que lle fai dano na cariña -onde todo é brancura fría, meixelas de caravel e estreliñas de zinc-, achégase paseniño ata o mesmo borde da Punta Fibela.
E alí fica, ignorando ós cardos e toxos que se lle cravan nas perniñas; coma un estadullo pequerrecho, agarrados os seus peiños non sé sabe a qué, desafiando o bestial vento e a inhumana chuvia, e fitando cara a cara ó mar alá embaixo. Ó mar, que lle berra en espumas e lle cuspe en cordilleiras de olas descomunais. Ó mar, que semella meirande que nunca, quizais porque confúndese coa costa, co ceo e co universo enteiro, nesta reveladora e escura noite. Carmiña xa non frea as bágoas: corren ceibes ó chou polas súas meixelas barridas polo vento e a chuvia. Nos seus beizos torcidos tatexa en impos un salouco definitivo.
E, ó fin, Carmiña abre a súa boquiña e berra como pode, con tódalas súas forzas, tentando facerse escoitar por enriba do vento, contra ese mar descoñecido, ameazante e algo bufón.
-¡¡MATACHES AO MEU PAPÁ... FILLO DE PUTA... ÓDIOTE!!

1 comentario:

Silvana dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.