7/10/07

ENTERRADO NAS SOMBRAS, DUBIDANDO DA LUZ

Esto podería ser un conto. Podería escribirse un bo relato a partires desta historia. Mesmo unha novela. Mais agora será apenas un argumento, unha historia espida de máis artificios que servirá apenas para ser contada máis ou menos como a min me foi contada.
A primeira vez que escoitei esta historia era un cativo de uns seis ou sete anos. Sentaba a carón do me abó mentres el liaba tabaco negro. O can tiña conta das vacas. Meu abó falaba e falaba. Contoume todo tipo de historias; aquela foi a primeira vez que me contou esta. Só lla escoitei unha vez máis. Era unha historia de cando loitou na guerra civil, na fronte de Aragón. Meu abó loitou na batalla do Ebro, de onde voltaría cunha ferida no pé: unha bala que entrou e saiu dun lado a outro. Amosoume esa ferida varias veces. Naquela fronte, naquela guerra tamén loitou o abó dun dos meus mellores amigos. Podieron terse matado un a outro; non foi así e agora nós vivimos outros tempos. Esta historia non ten que ver có abó do meu amigo. Esta historia non ten que ver coa ferida no pé do meu abó.
Avanzando cara a Teruel tomaron unha pequena vila de onde se retiraran os milicianos. A vella igrexa fora feita cinzas, prendéranlle lume. Meu abó e outros soldados traballaron nas ruinas, tentando salvar as catro cousas que o lume deixara a medio arder. Rematando de mover pedras atoparon unha portela de madeira no chan, taponada cunha meda de pedras. Non eran pedras caídas no incendio, eran pedras postas a propósito para pechar a conciencia a porta. Abrírona e baixaron as escaleiras cun farol de gas. Abaixo había un home cáseque espido, noxento de cinza e pó, barbas longas, famento e medio cego ao sair na luz do día.
Non lembro canto tempo dixera o meu abó que levaba naquel burato. Semanas, longas semanas. A xente da vila dixera que cando prenderan lume á igrexa supuxeran que mataran ao cura. Non fora así: deixárano naquel burato, sen comida, sen auga. Bebera dun pequeno rego que se filtraba polas paredes desde o pozo da casa rectoral. Non comera nada nese tempo.
O capellán que ía coas tropas encargouse de asealo e darlle de comer. Ao día seguinte foi domingo e o cura rescatado cocelebraría a misa de campaña xunto có capellán castrense.
Montouse un pequeno altar de campaña a carón da torre que sobrevivira da igrexa en ruinas. Todos os soldados estaban presentes e tamén a xente da vila. Chegou o sermón, e o capellán deixoulle o turno ao cura rescatado. E chegou a sorpresa. Todos agardaban unha arenga para seguir a liberación de España do terror comunista, contra os roxos que foran quen de atentar contra un ministro de Deus. Non houbo tal. Meu abó contoume dun home que falou en voz queda e tremente. Agardades de min que vos fale de Deus e non son quen de tal nestes intres. Nerviosismo entre os oficiais, mirada estrañada do capellán. Non sei nin cantos días levo enterrado nese burato, sen luz, sen comida, bebendo a auga que lambía nas pedras... tentei procurar por Deus, chamei por El... mentiríavos se vos dixera que sentín a súa resposta. Non vos podo asegurar se hai ou non hai un Deus por riba de nós. Pasar polo que pasei faime dubidar do sentido deste mundo. Berrei coma Xesús na cruz e, coma el, sentinme abandoado polo Pai. Non son merecente de estar con vós nunha eucaristía.
Aínda lembro ao meu abó cando me contaba esta historia. Moi serio e interrumpíndoa para berrar instruccións ao can para termar das vacas. Os oficiais e o capellán dérono por tolo: un pobre home que pasara por unha situación límite. E sen dúbida que pasou por tal, pero o meu abó sempre lembraba a historia deste cura coma un antídoto contra as certidumes e seguridades excesivas. Naqueles tempos, naquelas condicións: un cura que rescatado polos salvadores da esencia católica da patria amosa en público as súas dúbidas de fe.
Lembrei a historia estes días lendo fragmentos do libro "Mother Teresa: Come Be My Light", con cartas de Teresa de Calcuta, recopiladas polo Reverendo Brian Kolodiejchuk. A escuridade, a falta de resposta de Deus, Xesús ausente, a desesperación de estar perdendo o contacto coa divinidade que lle dera luz e forzas para a súa laboura, unha heroina que xa non sabe ben se ten algún sentido final aquelo polo que loita "Dígame Padre, ¿por qué hai tanta dor e tanta escuridade na miña alma?".

1 comentario:

Silvana dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.