Mostrando entradas con la etiqueta poemas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poemas. Mostrar todas las entradas

19/6/10

lobo negro

incendio nos bosques
seca no río
e ti fronte a apocalipse
espido e con máscara
agardando por Circe
lobo negro
noite branca
flores e cairos
todos os anxos caerán
aos pés de Lilith



17/5/09

DE DERROTAS E HOMES

un grolo de whisky
-turba, lume e carballo-,
a voz de Chet Baker
e toda esta noite enorme
-silencio, silencio e diaño-
que non poderei enfrontar

20/12/08

KYRIE

todos eses nomes
que creáchedes para min
xa non servirán
nunca máis

agora
instruireivos na miña lei
revelareivos o meu poder
e ergueredes altares brancos
en intrincados templos
e darédesme en holocausto
ás vosas fillas e fillos

e saberedes así
que non haberá máis amor
que non haberá paraíso
e imploraredes por min
entre os anxos e o lixo

2/5/08

INFERNO

mañá
hoxe será onte
será tarde
os coitelos saberán
os nomes das túas noites
un andazo de luces
fará noxo dos teus segredos
será tarde
suplicarás teitos baixo a saraiba
debecerás fontes
vomitarás sedes
non esquecerás nada
mañá
cando hoxe sexa onte
e o inferno aniñe
ben adentro

18/4/08

O RETORNO DE RICARDO REIS

Déixame dicirche
Lidia
Aquí na beira do río
Nosas mans desenlazadas
Nosas almas quedas
Apenas dúas crianzas
Dous destinos nun só fío
Déixame dicirche
Que nada paga a pena
Que non hai auga para tanta sede
Nin pan para tanta fame
Que a vida pasa como pasa o río
Que duran as flores apenas
O que duran os nosos bicos
Mellor agardar espertos
Mellor agardar calados
Mellor deixar que fale o río
O que calen os nosos beizos
Déixame dicirche
Lidia
Que nada paga a pena
Agás este silencio atento
Dúas crianzas adultas
Sentadas ao sol
Aquí na beira do río

21/10/07

EXSILIUM REGINAE

dixécheslle a ela
que a flor seguía viva
mentira
mentira
a flor xa morrera
no trono sen raíña

4/10/07

TRAIZÓN

So daily I renew my idle duty
I touch her here and there -- I know my place
I kiss her open mouth and I praise her beauty
And people call me traitor to my face
(LEONARD COHEN)

todos os días
todas as noites
pregúntasme se te quero
e míntoche
para que o universo non trema
para que o mundo non remate
para que non chores
e todos os días
e todas as noites
pregúntome se non saberás
a clase de traidor que son

19/8/07

DESAPRENDIZAXE: LECCIÓN PRIMEIRA

mentimos amores por fame de sexo
mentimos praceres por fame de amor
cremos neses praceres por fame de sexo
cremos neses amores por fame de amor

LUDUS VIRII

coliseo atento
á pericia gladiadora
primeiro sangue
na area quente
baixo o ceo azul
da tarde

30/6/07

MENTIRAS DE CELOFÁN

Eso fago:
atesourar nas gavetas
mentiras de celofán
para ti
para que nunca chegues a saber
quen son eu
realmente

13/6/07

NOITE (Capricho barroco)

Estixia lagoa de alabastro punteada.
Lúbrica serpe de swing meigo e enroscado.
Viaxe atónita ao corazón da ausencia.
Vértigo de anduriña afiado en amianto.
Luzbel caligrafiada a neóns e debezos,
a fames sen fondo, a estandartes blancos.
Escura soidade, deslumbrada e bébeda.
Utopía dos amantes, fogar da luz dos faros.
Fermosura criminal con rúbrica felina.
Mentira omnívora, grial do diaño.
Mañá fica lonxe, mañá nunca chega.
Agora é agora: noite, viño e pecado.

2/6/07

TAN AZUL

Tan azul
coma un bico soñado
coma un abanqueiro
musical.

17/4/07

AGORA

Agora
os cairos da rosa asoman
contra a pel que treme
a flor de alma.

Agora
tiro das redes da memoria
rescato xoias entre celofanes
e chamo por ti.

Agora
pecho os ollos e abro as veas
-sangue coma rosas,
espiñas coma luces-
porque todo sobra
agora
que faltas ti

TAREFA IMPOSIBLE

describirte:
tarefa imposible que me asalta
a voz en verso,
a berros de lembranza,
e que deixo ir
calando
como calan as pontes na madrugada

O AMOR: ... (sexa breve, por favor)

Incendiario,
delincuente
e nocturno.
Velaí o meu amor
en tres verbas.
Para ti
abóndame con unha.

HIMNO FÚNEBRE PARA O REI ARTUR (fragmento)

¡Cale xa a Primavera
e cese a eterna pompa
da breve Natureza!
Morreu Artur,
o bravo fillo de Pendragón,
a esperanza de Britania,
o noso Rei de Camelot.

15/4/07

CANDO TODO MARCHE

Morte
e lume
e cinza
e vento
e nada,
absolutamente nada.

9/4/07

MÍSTICA

Soterrada
no silencio atento
a consciencia
baléirase de todo
para encherse de si mesma
para asomarse
así
desde os ollos de deus.

18/3/07

SEMPRE CHOVE

Pecados fermosos coma flores,
luces que non deixan ver,
bágoas que dan risa,
coarenta moedas por un bico
e un primoxénito pola túa fe.
Arden de panos os peiraos e as estacións
e chove,
sempre chove,
para que sexa posible o mar.

DESVELO

Tesoiras coma noites.
Estrelas coma preguntas
de azogue.
Océanos coma versos.
¡Tantas fiestras para tan pouco lume!
¡Tantos medos!

Estoupan de frío as alboradas.
Ollos coma fervenzas.
¡Tantas lembranzas!
¡Tantos venenos para tan poucos faros!
Esquecementos coma universos.
A vida en dous pasos.