Mostrando entradas con la etiqueta fados. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fados. Mostrar todas las entradas

12/8/09

FADO CONDENA

agora
que xa sei que o lume queima
agora
que o futuro xa murchou
agora
que só nos queda esta inercia
e apenas un silencio de tambor
agora
vou pechar as portas do meu peito
cadea de por vida
delincuente corazón
voulles negar teito ás andoriñas
pétalos de tedio
non me quere non me quere
repite a miña flor

7/12/07

FADO DESPEDIDA

díxenche adeus coma quen
lle di adeus ao mar
apenas coma quen
lle pecha a porta á noite
coma quen
ten só ao amor por testemuña
coma quen
toma a deus por inimigo
díxenche adeus coma quen
lle di adeus ao sol

fuches sede nunca pozo
nunca fuches pan na mesa
eras fame sen acougo
eras noite de xeada
nunca faro nunca porto
fuches desdén e navalla
como agora lembranza impune
como agora faísca insomne

o teu amor foi garabato
no bafo dunha ventá
foi espuma aos pés da praia
foi lóstrego
foi fume
un avionciño de papel

díxenche adeus coma quen
lle di adeus ao horizonte
apenas coma quen
lle pecha a porta ao mañá

27/6/07

FADO DO DESESPERO

Alá vai xa todo o lume
Nin tan só borrallos fican
Ben curta foi a quentura
E ben longa a noite fría

É ben longa a noite fría
É ben lonxe a túa rúa
Onte patria dos meus pasos
Que hoxe moran na amargura

Que hoxe moran na amargura
Tras dos espellos salgados
Corazón coa vela arriada
Naufragando aos pés dos faros

Naufragando aos pés dos faros
Afogando de lembranzas
En silencio vou morrendo
Desta morte que non mata

Desta morte que non mata
Deste inferno feito xeo
Alá vai xa todo o lume
Fica apenas fume negro