24/2/07

ESMORGA

tráfego nocturno de látigos
desesperanza que se autoestafa
con vasos e vasos e música
e sede
para fuxir rúas abaixo
almas adentro
e ollos afora
do cotián crime de amencer
tan sós

NOITE NO ADRIÁTICO

Acougo de prata
deitado no sal.
A noite esvara morna
por estribor.

MISTERIO

Todo é luz, unha luz moi branca. E neve. Moreas de neve por todas partes, mesmo pendurando das polas das árbores. Silencio. Non se sinte nada, absolutamente nada. O universo enteiro tornou mudo. Mudo e frío.
A fraga é mesta, mais entra luz dabondo e a neve faina reverberar. É por eso que as pálpebras de Vlad Carbonaru van só entreabertas mentres camiña paseniñamente, machada no ombreiro, por entre as árbores. A neve caída non deixou rastro da corredoira que os veciños da vila empregan para ir e vir coa leña da fraga. Aínda así, el ten feito este camiño milleiros de veces. Camiña de memoria sen dubidar nin unha soa vez.
Comeza a nevar de novo. Pequenas folerpas caen por entre as ramas no chan, e tamén no sombreiro de Vlad. Primeiro unhas poucas, aquí e acolá. Pronto, un silandeiro enxamio delas, blancas e leves, coma os pecados dun neno.
É entón cando, uns metros máis adiante, nun pequeno claro da fraga, Vlad detense de súpeto, e cáelle a machada ao chan. Ten percorrido este lugar desde ben cativo. Ten atopado nela de todo: algún lobo famento descarriado, osos, bandidos, tres cabalos brancos fuxidos da granxa dos Dimitrescu, soldados nazis desertando da guerra, ánimas en pena, un libro de coiro escrito por un anxo. Moitas sorpresas tíñalle deparado a fraga ao vello Vlad Carbonaru. Por eso, cada vez que entraba nela, entraba listo para atoparse con calquera cousa. Mesmo así, non estaba preparado para a sorpresa que o fai deter de súpeto naquel claro, boca aberta de abraio, machada caída aos seus pes.
Enfrente del, xusto no medio do claro, un fermoso e enorme piano de cola negro fica silandeiro mentres as folerpas de neve aloumíñano docemente.

LÓSTREGO EN VERSO LIBRE

azul terrible
no teu pano de seda
que treme de futuro
baixo a choiva de abril