Mostrando entradas con la etiqueta prosas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta prosas. Mostrar todas las entradas

2/11/07

OITO LEMBRANZAS FINXIDAS

Aquel adeus naquel aeroporto, onde ficaches silandeiro dubidando se habería algún futuro posible sen ela. Houboo. Tamén o había con ela, mais ese non será teu -nin dela- nunca. O teu presente pertenze a ese futuro que non crías posible entón, naquel aeroporto tras daquel adeus.

Os versos de Dylan Thomas naquela cafetería. Afora chovía, diluviaba por veces. O café enfriou esquecido mentres voltabas as follas, mentres repetías en voz baixa rage against the dying of the light, mentres te preguntabas cómo non souberas antes que alguén xa dixera todo aquelo.

Aquel home naquel parque. Eras apenas un cativo, chegabas tarde a casa, apuraches o camiño por aquel parque prohibido. Saiu de ningures, ou tal vez sinxelamente non o sentiches chegar. Preguntouche algo, nunca soubeches qué, porque non atendiches ao que dicía, nin aos seus acenos. O teu pánico mantiña os teus ollos na súa boca. Ninguén te crerá pero sabes ben que os viches alí: dous cairos afiados, dous cairos de animal.

Aquela noite con aquela descoñecida. Odias recoñecer que non lembras o seu nome, nin a cor dos seus ollos, tan só a calor dos seus peitos. E tamén como tremeu entre os teus brazos, como xemeu cando os teus beizos procuraron aquel bebedoiro salgado, como tirou por ti naquela cama na que faltaba o seu marido. Nunca voltou a aquel bar. Nunca soubeches máis dela.

A luz daquel sol de medianoite naquela cabana, ás aforas de Nordkapp (Noruega). Sentácheste durante horas cunha cunca de rooibos ollando cara ao ceo. Unha noite vestida de eterno solpor, de cores que nin tan siquera tiñas imaxinado. Desde un azul escuro coma un pecado secreto ata un afiado laranxa con ínfulas de vermello. Tamén o océano semellaba transfigurado. As horas souberon a segundos.

O sabor daquel naan nas rúas de Bikaner. Deixaras que os teus pes te perderan polo mercado do centro, preto do castelo inglés. O deserto soplaba calor na vila, e a humidade do monzón non daba descargado. O aire afogábate. Sentaches nun recuncho preto dun home que facía naan nunha prancha metálica. Pediches un par deles e saboreáchelos mentres abrías o libro de Mircea Eliade. Dicía que poucos lugares na India lle namoraran como aquela vila no deserto rajhastaní. Non fuches quen de saber por qué. Pero pagou a pena de percorrela. E aquel humilde naan soubo a gloria.

A primeira vez que escoitaches unha doina. Non tiñas escoitado antes ese xénero de canción romanesa. Era Cluj, era inverno e aquel café estaba ateigado. Xurdiran dous días libres naquelas negociacións en Bucarest, e Bucarest non era lugar para malgastalos. Aquela voz de muller alambicaba penas fondas, angurias escuras, pura saudade. Non lembras o nome daquela muller, unha artista local que mesmo vivía nunha aldea preto dalí. Saboreaches un bó vaso de leite quente con mel e canela mentres a doina subía e baixaba, danzando no aire, falandolle a todo o público desa dor metafísica e misteriosa.

O sabor do pan recén saido do forno da casa, cando a túa aboa repartía aquel primeiro anaquiño entre ti e os teus primos. ¿A qué sabía? Sabía a infancia, sabía a centeo, sabía a ledicia. Xa nada sabe así. Ou se cadra si, e sinxelamente xa non eres aquel neno e xa nada voltará a saber como entón. Tampouco os pans de centeo.


Con esto dou cumprimento á invitación-desafío, ou que fose, de Silvana. Esta é a miña versión do meme das oito cousas.

11/10/07

CELEBRACIÓN

Hai un chisquiño que atropelaron ao gato. O pobriño ficou esmagado na estrada. "Viva a velocidade", dixeron os ratos.

12/4/07

METAFÍSICA

¿Pode a nota musical, ese paxariño tan desplumado, ter consciencia do piano ou mesmo do pentagrama?

27/3/07

PENSA EN MIN

Think of me as one you never figured.
(Neil Young, "Powderfinger")
.
Pensa en min como alguén que nunca imaxinaches. Unha sombra perdida na multitude na que nunca repararás. Unha cacharela prendida baixo o sol. A saudade da margarida na noite estrelada. Unha luva para un mar que non devala. A espiña do toxo. A espuma do mar. O vento do trebón. O recuncho silandeiro desde onde David admira a Betsabé.
Pensa en min como alguén que nunca imaxinaches, alquén que nunca coñecerás: rodeada de orquestras non repararás no escuro merlo. Invéntame un rostro, imaxíname unha vida, tenta pensar en como sería collerme pola man. Non acertarás.
A bandeira branca arde no seu mastro: a guerra estoupa na pradeira e nos altos cumios e no terrible deserto. Todo virará patas arriba e nada voltará a ser o que foi. Seguiremos sos. Probablemente nunca virás na miña procura, nin tan sequera entón.
Mais se o fas, se pretendes atoparme, pensa en min como alguén que nunca imaxinaches.

28/2/07

REFLEXIÓNS SOBOR DA CASA DE ASTERIÓN

Todo está muchas veces, catorce veces, pero dos cosas hay en el mundo que parecen estar una sola vez: arriba, el intrincado sol; abajo, Asterión.
Quizá yo he creado las estrellas y el sol y la enorme casa, pero ya no me acuerdo.
(J.L. BORGES)
.
Alí onde as verbas non abondan para nomear xeografías, hai unha habitación con catorce portas. Cada unha delas conduce a cadansúa habitación. E asemade, cada unha desas habitacións ten catorce portas, e novamente cada unha desas catorce portas levaríanos a cadansúa habitación con outras catorce portas.
E así sucesivamente ata o infinito. E no infinito todas as portas -as catorce portas, as infinitas catorce portas- conducirían a unha mesma habitación.
En realidade, a habitación que nos servía de punto de partida non é tal: é só unha das habitacións as que conduce cadansúa porta; portas que se percorremos en sentido inverso lévannos a habitacións nas que esa porta era só unha das catorce posibles.
Ao verdadeiro punto de arranque só se chega cando o noso camiño de retorno tende tamén ao infinito. E ese punto de arranque é unha sóa habitación, xigantesca -¿infinita?-, con catorce portas, por unha das que vimos precisamente de chegar no noso camiño de retorno.
E esa habitación é a mesma que a atopada cando o noso camiñar, no outro sentido da marcha, tamén tendía ao infinito.
O camiño sería así infinito nos dous sentidos: a meta é o punto de arranque son a mesma habitación.
Nun dos sentidos da marcha, en cada habitación que cruzamos deixamos atrás catorce portas, tendo entrado por unha delas, e temos enfronte unha soa. Non hai opcións. Abrimos esa porta e damos a unha nova habitación, descubrindo que esa porta era unha de entre catorce.
No sentido oposto da marcha si hai opcións: camiñamos cara a unha parede onde se abren catorce portas, e escollemos unha delas. Cada unha desas portas leva a outra habitación na que voltamos a ter enfronte catorce novas portas. Con todo, tales opcións resultan fugaces e ilusorias: ¿haberá que insistir que cando o camiño tende ao infinito todas as infinitas catorce portas levan a unha mesma habitación?
De feito, ilusoria tamén e a opción dun ou doutro sentido da marcha. Agotaremos as habitacións e agotaremos os camiños, e cando todos achégense ao infinito, a habitación á que os nosos pes chegen será a mesma.

17/2/07

UNHA IMAXE E UNHA MÚSICA

Un só xinete no horizonte, onde a chaira bica un ceo enfeluxado de grises. Os derradeiros restos do sol son devorados polo sangrante oeste, e as trebas dunha noite fatal precipítanse no mundo desde un profético leste.
Escóitanse os primeiros compases do terceiro movemento da Quinta Sinfonía de Beethoven.
E o xinete segue a se achegar...