Mostrando entradas con la etiqueta caderno de viaxe. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta caderno de viaxe. Mostrar todas las entradas

18/8/07

TARBERT, HARRIS ISLAND, ESCOCIA (12-8-2007)

Brúa o vento tras das fiestras do Rockview Hostel e unha incesante e inmisericorde choiva cae sobre Tarbert. Afora, rúas silandeiras e desertas nun típico domingo nas Hébridas. Todo está pechado nesta vila, agás o Harris Hotel -onde fumos quen de almorzar pola mañá e tentaremos cear esta noite- e este pequeno "hostel" (albergue), onde un fato de vagabundos compartimos cociña, salón e dormitorio.
Hoxe, camiñar polas rúas desta vila mariñeira ten un aquel espectral; nin unha persoa polas rúas, nin un coche pola estrada. Onte sábado houbo unha pequena feira local onde poder saborear toda unha constelación de galletas e postres caseiros escoceses, para acompañar así unha boa cunca de té ou café. Tamén artesanía local, có inevitable e fermosísimo tweed que fan nesta illa de Harris. Faltaron os exemplares de gando da comarca, por mor das restriccións de movementos de gando tras os brotes de febre en Inglaterra, e perdemos así a posibilidade de ver exemplares desas vacas de pelo longo tan características destas terras. Non faltaron, por suposto que non, os gaiteiros engalanados con kilt para encher de música o campo da feira, respondendo as peticións dos parroquianos. Rematou o serán cunha animada rifa e subasta de productos das hortas.
Hoxe, pola contra, o silencio é total en Tarbert. O vento corre ceibe e salvaxe dunha beiramar á outra -o nome gaélico, Tairbeirt, significa istmo, que é o que esta vila ven sendo entre North e South Harris-, sen que nada máis lle faga competencia. Unha cidade pantasma onde mesmo as luces das casas fican apagadas, ou as contras das ventás ben pechadas, e onde os xornais do domingo non se poden mercar ata o día seguinte.
Para a xente das Hébridas exteriores o calvinismo radical da kirk (igrexa escocesa) é xa bastante máis que unha crenza: convertiuse en toda unha seña de identidade para unha comunidade onde calquera novidade recíbese, no mellor dos casos, cun escéptico erguido de cexa. Por iso o domingo, ou sabbath como eles o chaman, supón un absoluto detimento da vida: a xente fica nas casas e medita, durme, lé ou, sinxelamente, pasa o día en familia.
Aquí no Rockview Hostel, os viaxeiros que nos temos reunido aquí lemos, escribimos, estudamos mapas e durmitamos. Pronto empezan a repartirse cuncas de te e as conversacións anímanse.
Afora, só o vento e a choiva rompen un pocuo có silencio so sabbath.

30/6/07

CUMBERLAND, MARYLAND, USA (abril-2001)

Hai xa hora e media que o bus nos deixou nesta pequena parada preto de Cumberland, no noroeste de Maryland. Tan só piñeirais e terras de labor arredor de nós. Algunhas colinas no horizonte. Fai calor.
Somos arredor de dúas ducias de persoas agardando polo bus que nos tería que ter recollido aquí hai máis dunha hora rumbo a Charleston, West Virginia.
Seica houbo unha avaría, comentan as dúas empregadas de Greyhound que venden billetes e tamén despachan cafés, refrescos e sandwiches.
Unha parada inesperada que serve para que pouco a pouco vaimos falando entre nós. Condeados a sermos descoñecidos, este atranco nos achega un chisquiño.
Invito a un sandwich a Manuel, de Chiapas. Todos os anos cruza México enteiro e, despois,Río Grande cara o veciño do norte. Sempre hai traballo nalgures: o ano pasado fixo de mozo dos recados en varios bares de Georgia; este ano traballará facendo campos de golf en Carolina. Estivo un tempo preto de Washington, pero non gustou do chollo.
Manuel fala e fala, e así coñezo a súa muller e catro fillos que fican todos os anos na súa aldeiña de Chiapas agardando polos dólares que él fai. Con eso sacan adiante a colleita e o seu recunchiño de terra. Manuel ten vinte anos e apenas fala inglés. Colaboro coa súa libretiña gastada ensinándolle algunha verba ou expresión, que el anota tal e como se lería en español. O seu diccionario de viaxe.
Manuel non entende que eu viaxe só, nin que viaxe por pracer tan lonxe de Europa -"¿es verdad que allá en Europa todo es muy muy antiguo?"-, nin que con trinta anos non teña nin muller nin fillos.
Antes de comezar a charlar con Manuel, un velliño amish escoita o meu acento estranxeiro e pregunta de onde son. Un sorriso debúxaselle baixo os redondos lentes cando lle digo que de España. Os seus ancestros son de Suiza, infórmame, a carón do Imperio Austrohúngaro. ¿Estivo por alí? Non, aínda non estiven por alí. Segue a calor, mesmo a sombra. Pregúntome como aguanta este homiño co seu abotonado traxe negro, coroado de sombreiro tamén negro de feltro. Ao seu carón, a súa muller dormita apoiada na saca onde vai a súa equipaxe. Imos cara a Virxinia, a visitar a uns parentes. Cría que vostedes sempre viaxaban a cabalo ou en carruaxes. Sorrí e move a cabeza: só en desprazamentos curtos, nas nosas comunidades e arredores; para máis lonxe viaxamos no bus. De estación en estación, por Maryland, Virxinia, West Virginia e Pennsylvania un atopa moitos amish, todos de impoluto negro, todos carregando as súas equipaxes en sacas brancas, ningún achegándose a falar con estraños coma este velliño.
Horas despois, a noite xa caendo de camiño a Charleston, hai unha imaxe que fica comigo desde aquela parada en Cumberland: ela estaba sentada nun dos bancos de madeira xunto a caseta de Greyhound, ollos azuis moi claros, cáseque grises. Faciana pecosa, sorrí un chisquiño. Non aparenta máis de dezasete anos. El, tumbado no mesmo banco, a súa cabeza descansando no colo dela. Negro coma o azabache. Aínda semella máis noviño, aínda que máis alto. Durme. Ela, agarima o seu cabelo escuro e enrebichado, sorrindo un chisquiño. Todo o amor do mundo non cabería -ou se cadra si- nos ollos que ten fixos no soño del.
Definitivamente cae a noite mentres tento escribir dereito sentado no bus, lembrando a Manuel, ao velliño amish -esquecín o seu nome- e a parella do banco.

20/2/07

MOSTAR (19-8-2002)

O sol cae terrible sobre a vila, pero eu estou sentado á agradable sombra dunhas fermosas árbores, e a carón dunha fonte engalanada con teteiras árabes. A música da auga correndo axuda a lle dar ao lugar unha atmósfera de limpa tranquilidade. Bebo unha limonada caseira agardando por un prato de cordeiro ao estilo de Mostar: carne pouco feita con queixo salado por enriba.
A cidade antiga, pendurada das dúas beiras do río: labirinto de calexas empinadas e pequenas tendas. O peso turco é un ingrediente decisivo no ambiente deste lugar, especialmente no barrio musulmán: tendas, restaurantes, pequenas e acolledoras mezquitas de pedra escura, minaretes voceadores.
Gústame esta vila, malia as feridas que a guerra deixou. Edificios acribillados a tiros. Mazás enteiras en ruinas. Odio agochado que doadamente se confesa ante o foráneo; lembro aquí a charla có vello coidador dos baños da estación de autobuses. Impresiona ver á xente entrando e saíndo, asomada ás fiestras, tendendo roupa... nun edificio cheo de buratos de morteiro, mesmo no tellado. Achegándose a Mostar tamén atopamos pegadas da guerra en forma de casas de labor queimadas, tiroteadas ou abandoadas. Algunhas teñen novas construccións ao se carón.
Xente amable e acolledora, disposta deseguido a charlar. Mulleres, como ven sendo habitual nesta viaxe balcánica, de beleza deslumbrante.

14/2/07

BELGRADO (22-8-2002)

Beograd. Unha menos cuarto do mediodía. Estou sentado nunha mesiña da terraza do café que hai no extremo do Kalemegden. Ante min, o río Seva desemboca paseniñamente no Danubio. Ríos corpulentos, de paso maxestuoso. Camiñando cara aquí lembrei os versos de Pessoa, coa voz de Ricardo Reis, para Lidia. Eu tamén querería ser agora unha crianza adulta, sen máis paixóns nin máis desexos que moverme como estes ríos.
As tentativas de atopar bus ou tren para Timisoara non deron o resultado apetecido. É un chisco surrealista que, a uns douscentos kilómetros desa cidade romanesa, só teña un tren desde aquí (non desde ningunha outra cidade serbia) e nin un só bus. Aínda máis: o único tren sae as seis menos dez do serán e chega a Timisoara ás once e vinte da noite. Atopar hotel a esas horas pode ser de tolos. Collín billete cara a Bucarest, para chegar alí ás oito da mañá. Coche cama: 2.700 dinars (uns 45 euros).
Voltarei a dar un paseo polas rúas de Belgrado, agora que xa me oriento mellor tras da paseata de onte con Milena Karisic. Polo de agora, rematarei a miña estupenda limonada deixando repusar os meus ollos no paseniño ritmo do Seva e do Danubio.