18/2/07

LOLITA

O teu sorriso,
qué derroche de caramelos,
qué desbordamento de adolescencia,
cántos anaquiños de margaridas
en pirotecnia
a salpicárenme,
a facérenme
sentir un pouco Lewis Carroll
fitando nos teus ollos
castaños
coas pálpebras pintadas de mar en vacacións.
Primavera inconsciente dos invernos que derrete,
cachorriña de muller,
peiteas e despeiteas -agora coleta,
agora non-
o teu facho de morangos,
melena menstrual,
vértigo de quásar afiado de horizontes
e abeirado de urxencias.
E en derredor de tal bandeira
estrágase o universo,
suicídase a noite
-¡apocalipse! ¡apocalipse!-
e demite o Paraíso
irrevocablemente.

PEREGRINO GRIS DE CORAZÓN AZUL

O vento é frío,
como era onte,
mais xa non o sinto.
O sal évos doce
as veces. Espido
e certeiro: o norte
pendura de min.
Teño morto e resucitado tantas veces
que xa case non lembro quen era cando nacín.

Boxeo feroz:
puños lacerados
contra o solpor.
Ardentía e cancro,
rulas cegas, dor
e morte de trapo
noutro novo abril.
Teño morto e resucitado tantas veces
que xa case non lembro quen era cando nacín.

Dixestión de bágoas
con pan de farelo,
sorriso de gárgola
e rexurdimento.
Semen para a mandrágora
noutro enforcamento.
Desta volta sí.
Teño morto e resucitado tantas veces
que xa case non lembro quen era cando nacín.

VERSOS PARA J.R.T. (IN MEMORIAM)

Voaches sen ás,
durmiches sen sono,
marchaches tan só,
marchaches con todo;
deixáchenos noite
e faiscas nos ollos.
Deixáchenos noite,
pechaches fiestras,
marchaches cós pétalos
-non foi primavera-,
prendiches silencios,
calaches trompetas.
Deixáchenos sós
baixo as estrelas.

PROFECÍA

rabuña o ceo no ventre da fraga doce moedas para mercar sete camiños e logo viñeron as chuvias porque todo remata sendo praia e mar espido e dis que haberá lume no faiado e cinsa nos ollos da muller que agardaba no peirao por un pano branco onde as nubes tórnanse en lembranza bébeda de aritméticas e xexún de coiro cando Xenebra apura o Grial mais tamén cordóns para os zapatos do trinque que o desexo berrou no embigo cando ela namorou ao espello