14/2/07

BELGRADO (22-8-2002)

Beograd. Unha menos cuarto do mediodía. Estou sentado nunha mesiña da terraza do café que hai no extremo do Kalemegden. Ante min, o río Seva desemboca paseniñamente no Danubio. Ríos corpulentos, de paso maxestuoso. Camiñando cara aquí lembrei os versos de Pessoa, coa voz de Ricardo Reis, para Lidia. Eu tamén querería ser agora unha crianza adulta, sen máis paixóns nin máis desexos que moverme como estes ríos.
As tentativas de atopar bus ou tren para Timisoara non deron o resultado apetecido. É un chisco surrealista que, a uns douscentos kilómetros desa cidade romanesa, só teña un tren desde aquí (non desde ningunha outra cidade serbia) e nin un só bus. Aínda máis: o único tren sae as seis menos dez do serán e chega a Timisoara ás once e vinte da noite. Atopar hotel a esas horas pode ser de tolos. Collín billete cara a Bucarest, para chegar alí ás oito da mañá. Coche cama: 2.700 dinars (uns 45 euros).
Voltarei a dar un paseo polas rúas de Belgrado, agora que xa me oriento mellor tras da paseata de onte con Milena Karisic. Polo de agora, rematarei a miña estupenda limonada deixando repusar os meus ollos no paseniño ritmo do Seva e do Danubio.

No hay comentarios: