19/9/11

HAIKU PRESAXIO

cántos outonos
caberán nos meus ollos
cando me faltes

24/10/10

HONKY-TONK HAIKU

Ela díxome
Xa non te quero máis.
Outro whisky? Vai!

19/6/10

lobo negro

incendio nos bosques
seca no río
e ti fronte a apocalipse
espido e con máscara
agardando por Circe
lobo negro
noite branca
flores e cairos
todos os anxos caerán
aos pés de Lilith



1/1/10

HAIKU FINISTERRAE

súbita luz
desde o faro nocturno:
lóstrego salgado

27/12/09

BENVIDA

chegaches? un nome e unha cifra ou se cadra nunca porque a tristura e ti cheguei ás veces vexo flores arterias abaixo e música de Monk cando o futuro tropeza bébedo ficarás? ceo de lousas mais con certeza e alba e viño morno e dezasete lobos non sei ata cando de xeito que ela ou se cadra nada e almanaques coma incendios sempre e cando lóxicamente por suposto de tanta ferralla baixo o vendaval se quixeras se ti quixeras leviatán orquídeas vinte en espadas tras dos pasos de Deméter por Arizona e Bucarest fiestras adentro entrañas afora mais el non quererá

13/12/09

HAIKU VOYEUR

(para X.M.G.)
axexo ás noivas
-femias de espuma e xiz-
na miña fiestra

12/8/09

FADO CONDENA

agora
que xa sei que o lume queima
agora
que o futuro xa murchou
agora
que só nos queda esta inercia
e apenas un silencio de tambor
agora
vou pechar as portas do meu peito
cadea de por vida
delincuente corazón
voulles negar teito ás andoriñas
pétalos de tedio
non me quere non me quere
repite a miña flor

9/8/09

HERÁCLITO vs PARMÉNIDES

Terá quince anos, pero ten mellores tetas que moitas de trinta.
Ernesto sabe sentenciar como poucos, calquera que sexa o tema que ocupe á tertulia do Bar Academia. Plácido, tras do mostrador, enche outra ronda de cuncas. Ninguén, nen mesmo el, sabe ben de ónde xurdiu o nome dun bar que rexenta a súa familia desde hai varias xeracións. Seica en tempos houbo alí unha escola.
E logo, ¿seica agora prefires meniñas e non mulleres de verdade?
Paulino provoca a Ernesto nun combate que xa é un clásico no Academia. Mesmo na mesa do tute torcen a mirada cara á barra. Sorrisos esquivos, ollos entrepechos de afiada sabiduría. Unha man remexe un palillo na boca. A atención deste universo masculino é toda para os dous vellos contendentes.
Xa. Seica a ti non se che van os ollos tamén tras da filla de Laureano. Aínda me dirás que non pagaría a pena de aproveitala agora. Ben pouco tardará o tempo en estragar mesmo esa froitiña.
Eu non digo que non sexa linda. Só que prefiero mulleres feitas e dereitas, non cativiñas. O tempo non trocará nada nela.
Ernesto nega coa cabeza mentres escoita a resposta de Paulino. Nótaselle a ansia de lle respostar.
¿Que o tempo non trocará nada nela? Menuda carallada. Todo murcha, Paulino, todo vai para baixo. Nada volta atrás nin fica igual. Mira para nós se non.
Paulino ergue a súa cunca e baleiraa dun só trago. Plácido pon outras dúas cuncas enriba do mostrador para Fermín do Retratista e Román das Pereiras, que entran xa pola porta. Tintinea a louza contra o mármore.
Non me veñas con esa leria, Ernesto. Cambiar non cambia nada. Nunca.
¿Ai non? Pois eu non vexo máis que cambios en derredor.
Paulino abanea negativamente a cabeza mentres prende un cigarro cun misto. Aspira profundamente e logo solta o fume.
Iso é porque porque non sabes mirar máis que cós teus ollos. Se lle botaras apenas un chisco de sentidiño, só unha miguiña de caletre, entenderías que todo é sempre o mesmo.
O índice dereito de Paulino sinala o centro da súa propia fronte, acompañando o discurso. Ernesto deixa agromar un sorriso despectivo. As voces do resto de parroquianos comezan a entrar no debate, alternativamente aportando razóns e argumentos tanto dun coma doutro lado. Nicanor da Casamoura tenta unha vía intermedia, conciliadora, que recolle un case inmediato fracaso. Fálese de fútbol, política, caza ou teoloxía, as discusións do Bar Academia non toleran a posibilidade da transacción.
A ver, a ver... Iso de que todo é sempre o mesmo vas ter que mo expricar ben a modiño. ¿Ou xa non hai estacións no ano, nen idades no home? ¿Non murchan e agroman as árbores acaso?
Así é, Ernesto, pero todo iso non é máis que o que vemos. Por baixo de todos eses cambios, ¿acaso non se manteñen as mesmas cousas? As idades dos homes non fan que sexamos uns de nenos e outros de mozos, e logo outros de vellos, ¿non é? E pasan as estacións polos carballos da Chousa Grande pero, ¿non son sempre os mesmos?
Plácido, desde o seu púlpito moderador tras da barra, ergue levemente a súa man dereita e intervén.
Oes, Paulino, e digo eu... se todo segue a ser sempre o mesmo, se nada cambia nunca ... ¿cómo é que prefires ás mulleres feitas e dereitas, como ti dis, e non ás rapazolas? Algo cambiará, digo eu, para que prefiras unhas ás outras.
O índice de Ernesto sinala a Plácido mentres a súa cabeza asinte cun teatral balanceo.
Se estamos a falar de coller unha muller para tal -chisca un ollo ao auditorio-, entón falamos dalgo superficial...
Superficial si, ¡pero ben que presta, carallo!
A nota á marxe, que incendia a gargalladas o local, pona Amancio O Quincallas desde o seu recuncho habitual, ao carón da mesa do tute.
Presta, presta... madia leva que si. Mais non deixa de ser algo no que fozan só os sentidos, os instintos. Eu para iso, prefiro unha muller coma Deus manda, ben feita e ben crescida; outros, non sei -os seus ollos viran cara a Ernesto apenas unha décima de segundo-. Pero se facemos traballar un pouco á nosa cabeciña, se pensamos racionalmente e non coma animaliños en celo, máis aló do que nos digan os nosos ollos poderemos ver que ela, coma nós, é sempre a mesma: nena, rapaza, muller, vella; mais sempre a mesma.
Vale, vale. Ti dirás o que queiras do que ve a túa cabeciña e o teu raciocinio pero eu, e de certo que os demáis que estamos aquí... que igual somos parvos, que igual non vemos máis que cós ollos... eu, Paulino, vexo que o mundo cambia. Vexo cousas que non vira antes , e vexo o tempo levarse por diante todo. ¿E sabes qué? Mesmo cousas que si parecen sempre iguais, como o que ti dis, tamén teñen cambios e morren, e voltan a nacer. Ai tes ao noso río Ficeso, por exemplo: segue onde estivo sempre, e corre por onde sempre correu. Pero a auga que corre por el, a mesma non pode ser, ¿non é?
O Paulino pousa a súa cunca no mostrador e fita directamente no Ernesto.
Mesma auga, augas diferentes, mesmo río ou non, supostas novidades neste mundo. Aparencias. Espellismos. Pensao ben, Ernesto: se algo é, o que sexa pero se é, non vai deixar de ser. Se algo deixa de ser, digo eu que non era xa antes nada. E se algo non é, tampouco pode ser que logo sexa. Non sei se me explico.
Explícaste como o carallo. Aínda creerás que con trabalínguas dos teus vas convencer a alguén.
Eu dígoche como son as cousas, Ernesto. Ímportame ben pouco convencerte de nada. Ti segue a ver as cousas ó teu xeito.
Abofé que así farei, para iso me nasceron ollos na cara, ¡cona! E miro con eles e, dígovolo outra vez, a filla do Laureano está para levala tras do millo. ¿Ou non?
O último argumento acapara un apoio case unánime. Paulino encóllese de ombros mentres o debate multiplícase entre os partidarios dun e doutro, enchendo o bar de voces e berros, argumentos e xuramentos, sen que apenas ninguén escoite a ninguén.
E como se a discusión tivese vida propia, ben pronto virará cara á feira grande que haberá nunha semana e, de aí, cara a calquer outro tema que lles serva a todos para retrasar ó camiño para casa. Ficarán no Bar Academia ata que o luscofusco derive en noite pecha e Plácido os bote á rúa.
Mañá será outro día, aínda que todo siga igual.

17/5/09

DE DERROTAS E HOMES

un grolo de whisky
-turba, lume e carballo-,
a voz de Chet Baker
e toda esta noite enorme
-silencio, silencio e diaño-
que non poderei enfrontar

20/12/08

KYRIE

todos eses nomes
que creáchedes para min
xa non servirán
nunca máis

agora
instruireivos na miña lei
revelareivos o meu poder
e ergueredes altares brancos
en intrincados templos
e darédesme en holocausto
ás vosas fillas e fillos

e saberedes así
que non haberá máis amor
que non haberá paraíso
e imploraredes por min
entre os anxos e o lixo

2/5/08

INFERNO

mañá
hoxe será onte
será tarde
os coitelos saberán
os nomes das túas noites
un andazo de luces
fará noxo dos teus segredos
será tarde
suplicarás teitos baixo a saraiba
debecerás fontes
vomitarás sedes
non esquecerás nada
mañá
cando hoxe sexa onte
e o inferno aniñe
ben adentro

BILLY

Boas noites Billy.
¿Pat? ¡Vaites, qué sorpresa!
Sabías que tiña que voltar.
Non tiñas por qué.
Si, si que tiña. Quedaramos que marcharías.
¿Quedaramos?
Quedaramos, Billy. Díxenche que tiñas que marchar. Advertinte.
Advertírasme.
Si, advertinte.

Billy remata de se abrochar a camisa e apóiase no marco da porta. Vai descalzo. Pat está sentado á mesa da pequena cociña da casa, cun vaso de tequila. Óllanse de fronte. Billy sorrí, Pat non.

¿Por qué ficaches Billy?
Esta é a miña casa.
Non é tal. É a de Pedro Maxwell.
Vivo con el e a súa irmá, Paulita.
¿Segues con Paulita?
Seguimos.
¿Por eso ficaches aquí? Poderiades ter marchado xuntos a México.
¿Por qué?
Porque pagan cincocentos dólares pola túa cabeza, Billy, ¿non che parece razón dabondo?
E ti ves gañalos, ¿non si?

Pat ergue unha vez máis o vaso de tequila e da outro grolo. Desta volta remátao. A man dereita segue ben amarrada á pistola, enriba da mesa.

Falamos non hai tanto tempo nesta mesma habitación. Dixéchesme que marcharías a México con Paulita.
Non Pat, dixen que o pensaría. Despois veu o de Stinking Springs.
O de Stinking Springs.
Si, alá caeu Charlie Bowdre. ¿Lembras?
Lembro. Tamén caeron dous dos meus homes, Billy. Dinvos a oportunidade de vos entregar.
Entregármonos á forca quererás dicir, ¿non era ese o trato, Pat?
Entregarvos sen máis disparos, sen máis sangue. Entregarvos ao sheriff do condado de Lincoln.
Que es ti.
Que son eu. Entregarvos para serdes xulgados.
E xulgáronme, ¿non si, Pat? Finalmente collíchesme e xulgáronme. E decidiron mandarme á puta forca. Os teus amigos.
Sabes que non son os meus amigos.
Cobras deles.
Un home ten dereito a se gañar a vida.
¿Cazando aos amigos, Pat? ¿Xa nada importa? ¿Qué foi dos vellos tempos?
Os vellos tempos.
Si, os vellos tempos, Pat. Cando eu e o resto dos Reguladores parabamos pola túa cantina: Dick Brewer, Frank McNab, Jim French... Loitabamos para vingar a Tunstall. Loitabamos para que Chisum e os seus non fixeran deste condado o que lles petase. ¿Xa nada daquilo lembras?
¿De qué carallo me estás a falar Billy? Abofé que lembro a puta guerra que montástedes neste condado, mais non desas parvadas que escribiron catro ociosos: Billy The Kid, Os Reguladores... ¿Chegaches a te crer toda esa leira? ¿De verdade segues a crer que vives nunha desas noveliñas de pistoleiros?
Sei o que vivín. Sei o que fun. Sei quén son. E ti estabas alí, comigo.
E agora estou aquí, Billy. Tamén contigo.
Cun revolver na man. Así non entran os amigos na casa.
Pregócho unha vez máis: marcha a México. Deixa este maldito condado.

Billy desapóiase do marco da porta e da un paso cara á mesa onde sentaba Pat. Éste alza o revolver apuntando a Billy. Billy detense.

Non des un paso máis, Billy.
¿Vasme matar? Así sen máis.
Matereite se me obrigas. Non des un puto paso máis.
A eso viñeches, ¿non sí? A cobrar ao fin eses cincocentos dólares.
Non, Billy. Viñen a che convencer que lisques de Fort Summer, do condado de Lincoln, do país.
Sabes que non farei tal. Vivo aquí. Xa cho dixen. Terás que me matar.
Fareino se me obrigas, pero non viñen a tal.
Queres que marche.
Poderiades irvos ata México. Paulita e ti. Mesmo pode que nun tempo a cousa vaia acougando por aquí e entón...
¿E entón?
Entón poderíades voltar.
¿Estasme a pedir que me agoche coma un coello?
Tento convencerte para que salves a túa vida.
Queres que me agoche coma un puto coello, namentres ti pavoneas a túa laboura de limpeza ante Lew Wallace.
Chámao como queiras, Billy. Sempre terás algo que dicir. Nunca nada será do teu agrado. Chámao como queiras, pero estouche a ofertar salvar o pelexo.
Non.
¿Non qué?
Non marcho.

Pat aloumiña o seu bigote. Os seus ollos fitan nos de Billy. Pola fiestra do fondo a alborada comeza a tinxir o horizonte. Ninguén dos dous repara naquela preciosa cor vermella. Silencio absoluto nas calexas de Fort Summer. Ao lonxe, moi quedo, soa un galo.

Non marchas.
Non.
Aínda non entendo por qué.
Sabelo de sobra.
¿Para demostrar que Billy The Kid segue a ser o mellor pistoleiro? ¿Para tentar contentar aos lectores desa prensa?
Non, Pat. Para saber que sigo sendo libre.
¿E non serías libre lonxe de aquí? ¿Ou é que só es libre coa maldita pistola na man e matando xente?
Serei libre facendo o que me pete.
¿Serás libre morrendo?
Pode que non morra eu, Pat.
Todos remataremos por morrer, Billy. Agora ou mañá. A tiros ou na cama. Pero non ten que ser necesariamente hoxe.

Un ruído de pasos no corredor. A voz de Pedro Maxwell pregunta quén vai. Sinte a Billy pero non recoñece a outra voz. Entra pola porta. ¿Quén vai? Todo acontece en apenas unha décima de segundo. Pat desvía a mirada cara a Pedro. Billy ergue a súa man dereita coma un lóstrego e, con ela, o seu revolver. Nesa mesma décima de segundo, Pat sinte, antes de velo, o movemento de Billy. Dispara. Unha bala atravesa o corazón de Billy e o seu revolver cae ao chan.
Deseguida chegará Paulita, berrando entre bágoas, e tamén os homes do sheriff Garrett. Pouco a pouco Fort Summer irá espertando e media vila congregarase no patio dos Maxwell. Os homes de Garrett cargarán o corpo de Billy nunha carreta para levalo cara ao vello cemiterio. Desconsolo no pranto de Paulita. Incredulidade nas olladas dos veciños. Silencio na tristura de Pat. Namentres, morto Billy, xa nada atrancará á súa lenda para botar a voar.

18/4/08

O RETORNO DE RICARDO REIS

Déixame dicirche
Lidia
Aquí na beira do río
Nosas mans desenlazadas
Nosas almas quedas
Apenas dúas crianzas
Dous destinos nun só fío
Déixame dicirche
Que nada paga a pena
Que non hai auga para tanta sede
Nin pan para tanta fame
Que a vida pasa como pasa o río
Que duran as flores apenas
O que duran os nosos bicos
Mellor agardar espertos
Mellor agardar calados
Mellor deixar que fale o río
O que calen os nosos beizos
Déixame dicirche
Lidia
Que nada paga a pena
Agás este silencio atento
Dúas crianzas adultas
Sentadas ao sol
Aquí na beira do río

22/12/07

MELANCOLÍA

chove contra a fiestra
café con leite enfriando
e el non virá

9/12/07

AESTUS

mira
qué horizontes derrotas nos meus peitos
qué camelias estoupas
na miña pel a flor de alma
de bico en bico
trabando xofre
lambendo vida
coma un animal

sinte
ese mar extraño
que me desarmas entre as pernas
que me imbas a bautismos
pleamar que me procuras
entre os pétalos
cálice adentro
alí
onde atesouro cen mil primaveras 

7/12/07

FADO DESPEDIDA

díxenche adeus coma quen
lle di adeus ao mar
apenas coma quen
lle pecha a porta á noite
coma quen
ten só ao amor por testemuña
coma quen
toma a deus por inimigo
díxenche adeus coma quen
lle di adeus ao sol

fuches sede nunca pozo
nunca fuches pan na mesa
eras fame sen acougo
eras noite de xeada
nunca faro nunca porto
fuches desdén e navalla
como agora lembranza impune
como agora faísca insomne

o teu amor foi garabato
no bafo dunha ventá
foi espuma aos pés da praia
foi lóstrego
foi fume
un avionciño de papel

díxenche adeus coma quen
lle di adeus ao horizonte
apenas coma quen
lle pecha a porta ao mañá

10/11/07

SÓ E SEN AZUCRE

¿Qué vai ser?
Café.
¿Só?
Só. Sen azucre.
O local está aínda medio baleiro. É cedo, moi cedo. A xeada da noite aínda branquea os tellados e os cristais dos coches na rúa. Pousas na cadeira o abrigo e as luvas. Miras no reloxo: case as cinco e media. O home pon o teu café na mesa.
Vai coller o tren das seis e cuarto, ¿non si?
Vou.
Ata dez minutos antes de sair non lle vai chegar. Antes paraba máis aquí.
Si, antes.
¿Vai querer algunha cousiña máis?
Non, grazas. Polo momento có café abonda.
O home volta ao xornal no mostrador. Daslle un groliño ao café e abres o bolso para comprobar que tes contigo o bilete. Está aí. Deixas o bolso enriba da maleta. Ficas un intre mirando para ela. Seméllate curioso que nela caiba todo o que levas, tendo en conta que non deixas nada atrás. Nada agás cousas que xa nada importan; alomenos xa nada che importan a ti. Polo de agora fican lembranzas, pero agardas que se diluan coma esa xeada de afora cando chege o mediodía. ¿Cando chegará o teu mediodía?
¿Ten bocadillos?
O home mira para ti mentres pon outra copa de coñac a un parroquiano.
¿Bocadillos?
Si, bocadillos.
Non pero podo facerlle un se quere.
Quero. ¿Pode ser de xamón?
Pode. Deseguida llo teño listo.
Entrouche a fame, coma sempre. Cando saíches de casa non eras quen de botar nin unha migalla á boca. Demasiadas cousas ficaban entre aquelas paredes, cousas escuras que ás que xa nin queres poñer nome. Tan só querías sair dalí. Canto antes, como fose. Onte compraches o bilete, pero non sabías se o usarías. Hoxe xa non dubidas, ¿verdade? Agora xa estás aquí, na cantina da estación, devecendo por que os minutos pasen, por que ese tren chegue, por subir a el e marchar para sempre. Un derradeiro groliño de café. Sentouche ben: xa nin as mans están frias. ¿E esas uñas? En canto remate a viaxe terás que as arranxar un pouco. Mesmo pintalas. Xa non lembras nin a última vez que pintaches as uñas. ¿Fora pola voda do Tucho? Si, foi daquela, e xa choveu desde entón, ¿non si? Ergues a mirada un pouco e cazas a un dos homes da barra ollando cara ti de esguello. ¿Qué pensarán? Seguro que nada. Tan só unha muller: razón de máis para que un home mire. Os homes sonche así, ben o sabes ti.
Aquí ten, un bocadillo de xamón.
Grazas.
¿Póñolle outro café?
Si, por favor.
¿Igual? ¿Só?
Si, só e sen azucre.
Mirás unha vez máis o reloxo: case as seis menos cuarto. Cómo se arrastra o tempo cando queremos que voe. Non anda igual cando un disfruta de algo. Nesas ocasións en que un querería deter o tempo e ficar así para sempre. ¿Cando foi a derradeira vez que te sentiches así? Eso xa custa máis de lembrar. Pero houbo intres así, malia que agora fiquen lonxe. Podes lembrar un río arrodeado de salgueiros, o balbordo da festa ao lonxe, a calor daquel serán petando por entre as sombras, rebotando nas veloces augas. E tamén podes lembralo a el.
O seu café.
Grazas. Dígame qué lle debo.
Diche o prezo e procuras no moedeiro para lle pagar. Pola ventá de enfronte xa se ve o primeiro chisquiño de luz de día. Xa falta menos para que chegue o tren. Deixarás atrás todo, tamén esta cantina, e montarás nel. De seguro que unha vez dentro, cando xa se poña en marcha, desaparecerá esa laxe fría e pesada que tira do teu peito. Durmirás co solciño na cara, arrolada polo traqueteo do tren. E espertarás xa noutro lugar. E todo, ou case todo, ficará aquí, ben atrás. Rematas o bocadillo e saboreas o café. É de pota, e sabe ben malia que probablemente recalentouno de onte. Terás que ir ao baño antes de subires ao tren.
Perdoe, ¿o baño…?
O home ergue un chisquiño a vista do xornal e sinala unha porta ao fondo.
No fondo do corredor, a porta da dereita.
Grazas. ¿Impórtalle se deixo a miña maleta aí?
Perda coidado, tereille conta dela.
Cruzas a cantina sentido a mirada da media ducia de homes que baixan cafés con licor denantes de comezar a xornada. No baño a luz semella amarela. O teu rostro no espello ten peor aspecto por culpa desa luz enferma. Hai cansazo debuxado baixo os teus ollos. ¿Cómo non ía haber? Esta noite non durmiches nin un chisquiño, devecendo pola hora de marchar, como deveces agora polo cobizado tren. Sacas do bolso o peite e arranxas un chisquiño o pelo. Tanto ten: despois durmirás no tren e alá irá todo o peiteado. Si, durmirás no tren. Miras á estraña do espello e pensas en qué diría el. Nada. Non diría nada. Ou si. Pero xa non importa. ¿Ou si importa? Non, xa non importa. Xa non voltará a importar.
Rematas no baño e voltas á cantina. Agradéceslle ao home ter tido conta da maleta, que arrastras cara afora. E así, cando son case as seis e cinco, saes á fría mañá camiñando polo andén. Asómaste e tentas enxergar o tren no horizonte, entre os sabugueiros que hai aló no fondo. Abafas no frío aire da mañá e abrochas ben o abrigo. A brétema vai retrocedendo. E mentres agardas por ese tren que tería que estar xa a piques de chegar, durante un intre que marcha coma un lóstrego, todo en derredor de ti aseméllaseche inzado dun misterioso aire de despedida. Tentas un torpe sorriso mentras miras doutra volta o reloxo. Non chegas a ler a hora porque soa, coma o alarido dun animal ferido, o fero asubío do tren, que xa asoma tras dos sabugueiros.

2/11/07

OITO LEMBRANZAS FINXIDAS

Aquel adeus naquel aeroporto, onde ficaches silandeiro dubidando se habería algún futuro posible sen ela. Houboo. Tamén o había con ela, mais ese non será teu -nin dela- nunca. O teu presente pertenze a ese futuro que non crías posible entón, naquel aeroporto tras daquel adeus.

Os versos de Dylan Thomas naquela cafetería. Afora chovía, diluviaba por veces. O café enfriou esquecido mentres voltabas as follas, mentres repetías en voz baixa rage against the dying of the light, mentres te preguntabas cómo non souberas antes que alguén xa dixera todo aquelo.

Aquel home naquel parque. Eras apenas un cativo, chegabas tarde a casa, apuraches o camiño por aquel parque prohibido. Saiu de ningures, ou tal vez sinxelamente non o sentiches chegar. Preguntouche algo, nunca soubeches qué, porque non atendiches ao que dicía, nin aos seus acenos. O teu pánico mantiña os teus ollos na súa boca. Ninguén te crerá pero sabes ben que os viches alí: dous cairos afiados, dous cairos de animal.

Aquela noite con aquela descoñecida. Odias recoñecer que non lembras o seu nome, nin a cor dos seus ollos, tan só a calor dos seus peitos. E tamén como tremeu entre os teus brazos, como xemeu cando os teus beizos procuraron aquel bebedoiro salgado, como tirou por ti naquela cama na que faltaba o seu marido. Nunca voltou a aquel bar. Nunca soubeches máis dela.

A luz daquel sol de medianoite naquela cabana, ás aforas de Nordkapp (Noruega). Sentácheste durante horas cunha cunca de rooibos ollando cara ao ceo. Unha noite vestida de eterno solpor, de cores que nin tan siquera tiñas imaxinado. Desde un azul escuro coma un pecado secreto ata un afiado laranxa con ínfulas de vermello. Tamén o océano semellaba transfigurado. As horas souberon a segundos.

O sabor daquel naan nas rúas de Bikaner. Deixaras que os teus pes te perderan polo mercado do centro, preto do castelo inglés. O deserto soplaba calor na vila, e a humidade do monzón non daba descargado. O aire afogábate. Sentaches nun recuncho preto dun home que facía naan nunha prancha metálica. Pediches un par deles e saboreáchelos mentres abrías o libro de Mircea Eliade. Dicía que poucos lugares na India lle namoraran como aquela vila no deserto rajhastaní. Non fuches quen de saber por qué. Pero pagou a pena de percorrela. E aquel humilde naan soubo a gloria.

A primeira vez que escoitaches unha doina. Non tiñas escoitado antes ese xénero de canción romanesa. Era Cluj, era inverno e aquel café estaba ateigado. Xurdiran dous días libres naquelas negociacións en Bucarest, e Bucarest non era lugar para malgastalos. Aquela voz de muller alambicaba penas fondas, angurias escuras, pura saudade. Non lembras o nome daquela muller, unha artista local que mesmo vivía nunha aldea preto dalí. Saboreaches un bó vaso de leite quente con mel e canela mentres a doina subía e baixaba, danzando no aire, falandolle a todo o público desa dor metafísica e misteriosa.

O sabor do pan recén saido do forno da casa, cando a túa aboa repartía aquel primeiro anaquiño entre ti e os teus primos. ¿A qué sabía? Sabía a infancia, sabía a centeo, sabía a ledicia. Xa nada sabe así. Ou se cadra si, e sinxelamente xa non eres aquel neno e xa nada voltará a saber como entón. Tampouco os pans de centeo.


Con esto dou cumprimento á invitación-desafío, ou que fose, de Silvana. Esta é a miña versión do meme das oito cousas.

1/11/07

PORQUE A NOITE VEN CEGA

porque a noite ven cega e famenta morrerás doutra volta por qué azucre chegarás hoxe por qué fiestra blasfemarás faros feliz andazo no centeo tolemia sacra de deméter sen perséfone asómate ao futuro pero agora e a voda sen noiva e o noivo sen remorsos coma aquel diaño ofertante ou aquel poeta cego ou todo o que deixaches cando non dixeches adeus cando non bailaches con el cando non foi si porque foi amén porque tamén o teléfono atrincheraba silencios aínda que un día fuches sara naquel pozo e décheslle de beber e el bebeu non esta noite porque esta noite ven cega como todas as noites como todas as mortes que morrerás añorando lavercas e lumes de xofre e un anaco de xiz

21/10/07

EXSILIUM REGINAE

dixécheslle a ela
que a flor seguía viva
mentira
mentira
a flor xa morrera
no trono sen raíña