30/6/07

CUMBERLAND, MARYLAND, USA (abril-2001)

Hai xa hora e media que o bus nos deixou nesta pequena parada preto de Cumberland, no noroeste de Maryland. Tan só piñeirais e terras de labor arredor de nós. Algunhas colinas no horizonte. Fai calor.
Somos arredor de dúas ducias de persoas agardando polo bus que nos tería que ter recollido aquí hai máis dunha hora rumbo a Charleston, West Virginia.
Seica houbo unha avaría, comentan as dúas empregadas de Greyhound que venden billetes e tamén despachan cafés, refrescos e sandwiches.
Unha parada inesperada que serve para que pouco a pouco vaimos falando entre nós. Condeados a sermos descoñecidos, este atranco nos achega un chisquiño.
Invito a un sandwich a Manuel, de Chiapas. Todos os anos cruza México enteiro e, despois,Río Grande cara o veciño do norte. Sempre hai traballo nalgures: o ano pasado fixo de mozo dos recados en varios bares de Georgia; este ano traballará facendo campos de golf en Carolina. Estivo un tempo preto de Washington, pero non gustou do chollo.
Manuel fala e fala, e así coñezo a súa muller e catro fillos que fican todos os anos na súa aldeiña de Chiapas agardando polos dólares que él fai. Con eso sacan adiante a colleita e o seu recunchiño de terra. Manuel ten vinte anos e apenas fala inglés. Colaboro coa súa libretiña gastada ensinándolle algunha verba ou expresión, que el anota tal e como se lería en español. O seu diccionario de viaxe.
Manuel non entende que eu viaxe só, nin que viaxe por pracer tan lonxe de Europa -"¿es verdad que allá en Europa todo es muy muy antiguo?"-, nin que con trinta anos non teña nin muller nin fillos.
Antes de comezar a charlar con Manuel, un velliño amish escoita o meu acento estranxeiro e pregunta de onde son. Un sorriso debúxaselle baixo os redondos lentes cando lle digo que de España. Os seus ancestros son de Suiza, infórmame, a carón do Imperio Austrohúngaro. ¿Estivo por alí? Non, aínda non estiven por alí. Segue a calor, mesmo a sombra. Pregúntome como aguanta este homiño co seu abotonado traxe negro, coroado de sombreiro tamén negro de feltro. Ao seu carón, a súa muller dormita apoiada na saca onde vai a súa equipaxe. Imos cara a Virxinia, a visitar a uns parentes. Cría que vostedes sempre viaxaban a cabalo ou en carruaxes. Sorrí e move a cabeza: só en desprazamentos curtos, nas nosas comunidades e arredores; para máis lonxe viaxamos no bus. De estación en estación, por Maryland, Virxinia, West Virginia e Pennsylvania un atopa moitos amish, todos de impoluto negro, todos carregando as súas equipaxes en sacas brancas, ningún achegándose a falar con estraños coma este velliño.
Horas despois, a noite xa caendo de camiño a Charleston, hai unha imaxe que fica comigo desde aquela parada en Cumberland: ela estaba sentada nun dos bancos de madeira xunto a caseta de Greyhound, ollos azuis moi claros, cáseque grises. Faciana pecosa, sorrí un chisquiño. Non aparenta máis de dezasete anos. El, tumbado no mesmo banco, a súa cabeza descansando no colo dela. Negro coma o azabache. Aínda semella máis noviño, aínda que máis alto. Durme. Ela, agarima o seu cabelo escuro e enrebichado, sorrindo un chisquiño. Todo o amor do mundo non cabería -ou se cadra si- nos ollos que ten fixos no soño del.
Definitivamente cae a noite mentres tento escribir dereito sentado no bus, lembrando a Manuel, ao velliño amish -esquecín o seu nome- e a parella do banco.

MENTIRAS DE CELOFÁN

Eso fago:
atesourar nas gavetas
mentiras de celofán
para ti
para que nunca chegues a saber
quen son eu
realmente

27/6/07

FADO DO DESESPERO

Alá vai xa todo o lume
Nin tan só borrallos fican
Ben curta foi a quentura
E ben longa a noite fría

É ben longa a noite fría
É ben lonxe a túa rúa
Onte patria dos meus pasos
Que hoxe moran na amargura

Que hoxe moran na amargura
Tras dos espellos salgados
Corazón coa vela arriada
Naufragando aos pés dos faros

Naufragando aos pés dos faros
Afogando de lembranzas
En silencio vou morrendo
Desta morte que non mata

Desta morte que non mata
Deste inferno feito xeo
Alá vai xa todo o lume
Fica apenas fume negro

13/6/07

NOITE (Capricho barroco)

Estixia lagoa de alabastro punteada.
Lúbrica serpe de swing meigo e enroscado.
Viaxe atónita ao corazón da ausencia.
Vértigo de anduriña afiado en amianto.
Luzbel caligrafiada a neóns e debezos,
a fames sen fondo, a estandartes blancos.
Escura soidade, deslumbrada e bébeda.
Utopía dos amantes, fogar da luz dos faros.
Fermosura criminal con rúbrica felina.
Mentira omnívora, grial do diaño.
Mañá fica lonxe, mañá nunca chega.
Agora é agora: noite, viño e pecado.

2/6/07

TAN AZUL

Tan azul
coma un bico soñado
coma un abanqueiro
musical.